CULTURA

O director catalán Jaime Rosales recibe o Premio Cineuropa 2008

14/11/2008 O festival Cineuropa 2008 vivirá o sábado 15 de novembro unha das súas xornadas máis especiais, coa entrega do premio Cineuropa ao cineasta catalán Jaime Rosales. A gala, que se vai celebrar ás 17:00 horas no Teatro Principal, contará coa presenza do propio director e vai estar presidida pola concelleira de Cultura, Socorro García, que entregará persoalmente o galardón.

Logo da cerimonia proxectarase Tiro en la cabeza, a última obra de Rosales. Un pouco antes, ás 11:15 horas, no Teatro Principal, haberá un pase previo do filme, reservado para a prensa. Ao remate da proxección, cara ás 13:00 horas, celebrarase unha rolda de prensa na que o director se dirixirá aos medios de comunicación.

Con tan só tres longametraxes no seu haber, Jaime Rosales ten acadado o respecto e a admiración da crítica cinematográfica internacional. Cun estilo narrativo marcado pola austeridade e o ascetismo, Rosales bota da man dunha gran mestría na dirección de actores para nos situar no cotiá das súas personaxes, case sempre de orixe humilde e cun modo de vida aparentemente convencional.

Autor de varias curtametraxes de éxito, a primeira longametraxe de Rosales, Las horas del día, obtivo o Premio da Crítica Internacional na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes. En 2007 estreou a súa segunda longametraxe, La soledad, coa que mereceu o premio a mellor filme e mellor director na XXII edición dos Premios Goya. Nela, achega unha nova forma narrativa visual, a polivisión, pola cal se pode contemplar a acción de varios personaxes de maneira simultánea.

No Festival de Cine de Donostia 2008 presentou Tiro en la cabeza, cinta coa que gañou o Premio Fipresci ao mellor filme, outorgado pola crítica, e que vai ser proxectada logo da gala de entrega do premio Cineuropa, en pase único. Este último traballo reconstrúe a vida cotiá dun membro de ETA, nun filme sen diálogos que reflicte a vida dunha personaxe que se enfronta, no tramo final, a un estourido de violencia inspirado nun feito real: o asasinato de dous gardas civís en Cap Breton.

Sesión Pederastias e novos títulos de entidade
O programa do festival continúa o seu curso, logo da gala do sábado. Nesta fin de semana viviremos unha sesión especial no Salón Teatro, o propio día 15 ás 23:45 horas, co miniciclo temático titulado Pederastias. Nesta sesión proxectarase, en primeiro lugar, o documental Líbranos do mal, de Amy Berg, que nos achega á historia do padre Oliver O'Grady, o máis célebre pedófilo da historia da Igrexa Católica moderna. A continuación pasarase Twist of Faith, no que Kirby Dick conta a historia dun bombeiro de Ohio que sufriu abusos sexuais por parte dun crego católico.

Ademais, novos títulos de entidade internacional seguen a chegar a Cineuropa. O domingo 16, ás 22:00 horas no Teatro Principal, proxectarase Home movie. Nesta fita, Christopher Denham válese dunha cámara doméstica para filmar cada un dos festexos da familia Poe, dende o Nadal ata Halloween. O contido das cintas resulta ser a crónica dunha morea de disfuncións. Xa ás 21:30 horas na Aula Sociocultural de Caixa Galicia, o festival achégase á cinematografía exipcia co pase de O edificio Yacobián, filme asinado por Marwan Hamed. A película, adaptación dunha novela moi popular do escritor Alaa' Al-Aswany, reflicte unha serie de episodios que acontecen nas vidas dos residentes do devandito edificio.

Compartir: