CULTURA

Cineuropa afonda en problemáticas sociais da máis estrita actualidade

13/11/2008 A XXII edición do Festival Cineuropa sitúase no cerne de distintos conflitos sociais contemporáneos coa proxección de filmes comprometidos que levan á pantalla de cinema problemáticas urxentes do noso tempo e lugar.

O venres 14 de novembro, ás 20:15 horas no Teatro Principal, proxéctase por vez primeira en Cineuropa Comme les autres, ópera prima de Vincent Garenq. A fita, escrita polo propio realizador, retrata en clave de comedia a vida dunha parella homosexual feliz e sen complexos. Os problemas agroman cando un dos membro desexa ter un fillo e o outro non.

Os directores mexicanos José Antonio Cordero e Alejandra Sánchez presentan Bajo Juárez, un filme arriscado que afonda no drama das Mortas de Juárez, eludindo toda caste de sensacionalismo. Os autores do filme rexeitan o emprego de voz en off e botan man dun sentido propio do ritmo e a montaxe para abordar un dos crimes máis cruentos da historia moderna de México: o asasinato despiadado de mulleres en Ciudad Juárez.

Tamén na xornada do venres 14 chega a Cineuropa Twist of Faith, un documental asinado por Kirby Dick que narra a historia de Tony Comes, un bombeiro de Toledo, Ohio, que sofre as consecuencias de varios anos de abusos sexuais por parte dun cura católico da súa escola. O conflito palestino-israelí, que merecerá unha sección propia no Festival, preséntase de xeito orixinal en A burbulla, de Eytan Fox. A peza está protagonizada por dous mozos e unha moza israelís que viven unha mocidade feliz en Tel-Aviv. Mais Noam, a rapaza do grupo, namórase de Ashraf, un rapaz palestino.

Cambio de horario na gala de entrega do premio Cineuropa
Ademais, o sábado 15 de novembro terá lugar a primeira gala de entrega de premios Cineuropa 2008, ao director catalán Jaime Rosales. Por problemas de axenda do premiado, o acto terá lugar ás 17:00 horas e non ás 19:00, como estaba previsto inicialmente. Logo da entrega do premio proxectarase, en pase único, o último filme de Rosales, Tiro en la cabeza.

Compartir: