TURISMO

Talleres gastronómicos para nenos e catas de viños e produtos galegos con "Santiago Repetirás"

13/11/2008 O sábado 15 arrinca o programa gastronómico Santiago Repetirás, organizado por Turismo de Santiago, con talleres gastronómicos para nenos e unha cata de viños da D.O. Rías Baixas maridados con produtos galegos. As actividades desenvolveranse no Hostal dos Reis Católicos, en horario de mañá e tarde. O obxectivo deste programa é converter a enogastronomía galega nun dos atractivos da cidade.

Entre as 18:00 e as 20:00 horas celébrase a primeira dunha serie de catas de viños das denominacións de orixe de Galicia maridados con produtos do país. Nesta ocasión un sumiller comentará as características dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, e a súa maridaxe con conservas galegas. O prezo da actividade é de cinco euros e hai 40 prazas dispoñibles.

Pola súa banda, os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos poden participar nos Talleres Gastronómicos para nenos, unha actividade lúdica na que aprenderán a importancia para a saúde dunha boa alimentación cociñando divertidos pratos e pinchos. Por cinco euros, un máximo de 30 pequenos poderán pasar hora e media aprendendo da man de tres monitores especializados.

Os talleres desenvolveranse en dúas quendas, ás 11:00 e ás 18:00 horas. A actividade da tarde está pensada especialmente para aqueles pais que tamén queiran participar na cata de viños e produtos galegos que terá lugar ese mesmo día. Estas actividades gastronómicas están dirixidas tanto aos visitantes como aos veciños e veciñas de Santiago, previa reserva de praza en www.santiagorepetiras.com ou no teléfono 902 190 160.

O sábado 22 de novembro continúa o programa de actividades relacionadas coa cociña de outono con Merco e cociño con Iago Castrillón, onde os participantes realizarán primeiro unha compra dos produtos guiados polo cociñeiro responsable do taller para despois cociñalos seguindo as súas indicacións. Iago Castrillón é o cociñeiro do restaurante Acio, gañador do Premio á Mellor Tapa do Concurso SANTIAGO(é)TAPAS, organizado por Turismo de Santiago en xullo.

Toda a información está dispoñible en: www.santiagorepetiras.com.

Compartir: