MOBILIDADE

A Policía Local realizou máis de 3.000 controis de alcoholemia en 2008

13/11/2008 A concelleira de Mobilidade, Marta Álvarez-Santullano e o xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, presentaro os datos sobre controis de alcoholemia no que vai de 2008. Neste período, a Policía Local realizou 3.092 probas, das que 2.984 se realizaron de forma preventiva.

Das 2.984 probas, 173 (un 5,80%) deron positivo, das cales 137 derivaron en denuncia administrativa e 36 en denuncia xudicial. A estes positivos hai que engadir outros 107 positivos derivados de controis realizados con motivo de infraccións ou accidentes. Segundo indicou Álvarez-Santullano, o número de positivos incrementouse nun punto porcentual respecto a 2007. Unha única persoa negouse a realizar a proba nos controis preventivos.

Fronte a este incremento do número de positivos, Norberto Villaverde destacou que cada vez son máis baixas as taxas de alcohol detectadas nos infractores. Non obstante, atopa preocupante que medrara o número de positivos, cando outro tipo de infraccións, como as do non uso do cinto ou do emprego de móbiles, teñen baixado. Aínda que lembrou que o límite legal está en 0,25 e que os positivos denunciados xudicialmente son aqueles que, por regra xeral, supera a taxa de 0,50, insistiu en que a taxa ideal para a condución é cero.

Das probas realizadas por cometer algunha infracción, 75, todas deron positivo. Delas, 46 derivaron en denuncia xudicial e 29 quedaron nunha denuncia administrativa. No caso dos controis realizados en accidentes de tráfico, as 29 realizadas deron positivo. Segundo Villaverde, o perfil dos positivos é o dun home novo que é sometido á proba durante a noite.

A concelleira indicou que se van seguir incrementando os controis de alcoholemia e apuntou que unha data clave é o mes de decembro, con motivo do Nadal e das diversas ceas colectivas que se realizan nestas datas. Neste sentido, insistiu no "labor preventivo" que realiza a Policía Local.

A propósito doutros aspectos relacionados co tráfico, o xefe da Policía Local resaltou a diminución da accidentalidade que se vén rexistrando nos últimos anos, malia ter medrado a intensidade do tráfico. Tamén incidiu na baixada da sinistralidade con resultado de morte ou feridos graves.

Compartir: