CONSORCIO

A edición de outono do Compostela Organum Festival volve a Santiago cuns concertos innovadores

12/11/2008 O ciclo de música Compostela Organum Festival inicia a súa programación de outono cun concerto a cargo do organista da catedral de Notre-Dame d’Auteuil de París, Frédéric Blanc, o sábado 15 de novembro ás 20:30 horas na Igrexa da Universidade.

Este artista destaca pola súa extraordinaria capacidade de improvisación que se mestura coa interpretación da actriz Margarita Fernández. Xuntos ofrecerán ao público un espectáculo innovador nun diálogo poético-musical.

Esta iniciativa do Consorcio de Santiago de Compostela, en colaboración coa Asociación Musical Berenguela, está ligada ao patrimonio relixioso da cidade compostelá e pretende revitalizar os órganos como instrumentos de tradición musical secular na cidade. Os concertos son de carácter público e gratuíto.

As compositoras
O segundo dos concertos do Compostela Organum Festival fará unha homenaxe ás mulleres compositoras, as grandes esquecidas da historia da música e sobre todo do órgano. A presentación do Dúo Organicanto de Bélxica permitirá ao público gozar da música da polifacética Hildegard von Bingen, do século XII, que foi escritora, pintora, bióloga, que ademais dunha extensa obra literaria e científica compuxo música gregoriana e escribiu 77 cancións.

Coas súas obras Hildegard von Bingen traspasou as normas da música medieval outorgándolle unha nova linguaxe. Xunto a ela, tamén descubriremos outra faceta dunha muller coñecida, pero non na súa faceta de compositora. Trátase da raíña Ana Bolena, segunda esposa de Enrique VIII, que destacou pola súa habilidade para o baile e a música, sendo autora dalgunhas exquisitas cancións.

A terceira destas mulleres compositoras é a italiana Francesca Caccini, que viviu a cabalo dos séculos XVI e XVII. Compositora, cantante, profesora de música e poetisa, coñecida por ser a primeira muller en compoñer unha ópera. Trátase dun percorrido musical pola Idade Media, o Renacemento e o Barroco da man das mulleres de tres países diferentes: Alemaña, Inglaterra e Italia. Este concerto desenvolverase na igrexa das Ánimas debido a acústica que posúe.

Clausura co "Barroco Boliviano"
O Compostela Organum Festival de outono finaliza cun concerto novo e que non é moi habitual en España. Trátase da interpretación da chamada Música das Misións ou Barroco Misional. É o repertorio que se interpretaba nos séculos XVII e XVIII nas antigas reducións xesuíticas que se estendían por Arxentina, Brasil, Paraguai e Bolivia. Neste conxunto son destacables, tanto pola cantidade como pola calidade, as obras que se conservaron nas rexións bolivianas de Chiquitos e Moxos que hoxe coñecemos como "Barroco Boliviano", actualmente en pleno auxe non só en Bolivia e Hispanoamérica senón a nivel mundial.

O órgano elixido para a celebración deste concerto é o da igrexa de San Paio de Antealtares, porque é un instrumento que se escoita en contadas ocasións, a pesar de posuír unha enorme riqueza na súa composición de rexistros así como a existencia de dous teclados. É, por tanto, unha boa oportunidade de gozar do son dun órgano de efectos fónicos pouco frecuentes.

Compartir: