CIDADE HISTÓRICA

Olga Pedreira coñece os detalles do Proxecto Barcelona Wi-Fi

12/11/2008 A concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, está participando no congreso Wireless and Digital Cities, o terceiro congreso anual europeo que se celebra en Barcelona baixo o epígrafe Connecting Communities e no que profesionais e expertos de toda Europa están dando a coñecer as súas experiencias no desenvolvemento de redes sen fíos.

O obxectivo de Olga Pedreira é coñecer de primeira man os proxectos pioneiros no desenvolvemento da conectividade, un achegamento a outras experiencias que pode ser moi útil para o desenvolvemento da rede sen fíos de Santiago. Na xornada do martes 11 participou nunha visita á Casa do Concello de Barcelona, na que se realizou unha introdución ao Proxecto Barcelona Wi-Fi e os tres eixos dos que consta: Wi-Fi cidadán, Wi-Fi indoor (acceso á rede corporativa nos edificios públicos) e Wi-Fi outdoor (acceso do persoal municipal que traballa na rúa aos servizos corporativos vía PDA’s e outros dispositivos de conexión sen fíos).

Os relatores durante a visita foron Paco Rodríguez Jiménez, director da Oficina de Telecomunicacións do Concello de Barcelona; Marc García Martí, responsable do Proxecto Wi-Fi Indoor, e Mariano Lamarca Lórente, responsable do Proxecto Wi-Fi Outdoor. A continuación achegáronse á zona do Poble Nou, concretamente ao polígono 22@barcelona, para coñecer os diferentes servizos implementados sobre esta Rede.

Wi-Fi cidadán
Olga Pedreira interesouse nomeadamente polo eixo Wi-Fi Cidadán caracterizado polo despregue da rede en base aos edificios municipais, centros cívicos e outros edificios municipais en barrios e distritos. Unha rede que ofrece similitudes coa futura rede iCompostela, posto que ten un servizo de cortesía, isto é, gratuíto e limitado nos contidos. Concretamente o proxecto catalán dá acceso aos servizos da administración municipal e doutras administracións, dun xeito limitado no tempo só no horario de apertura dos centros e máximo de tempo de conexión.

No caso da demostración dos servizos do Wi-Fi Outdoor, a concelleira de Cidade Histórica interesouse pola conectividade ubicua para a xestión de recursos do mobiliario urbano, como é o caso dos bolardos de acceso a, por exemplo, o casco histórico. Olga Pedreira dialogou amplamente con Paco Jiménez e Mariano Lamarca coñecendo os aspectos prácticos do desenvolvemento das redes sen fíos e poñendo en común con eles as experiencia adquiridas no despregamento do WiMAX en Compostela, facendo fincapé na mimetización de equipos e antenas para minimizar ou seu impacto estético e visual.

iCompostela, conectividade sen fíos
Na futura rede WiMAX de Compostela haberá acceso gratuíto a Internet en parques e espazos públicos e tamén nos domicilios, neste caso restrinxido á consulta dun número reducido de páxinas (administracións e medios de comunicación), así como á posibilidade de navegación con bonos de tempo determinado.

Actualmente estamos na fase de despregue dos repetidores do sinal WiMAX por diferentes localizacións da Cidade Histórica de Santiago, estando xa practicamente concluída a súa instalación. Nas próximas semanas comezarán as primeiras emisións en probas que tamén incluirá o Wi-Fi gratuíto nas prazas da zona vella.

O servizo iCompostela non pretende, polo tanto, competir cos servizos que proporcionen outras operadoras, senón complementar e dar máis opción na que escoller nunha zona na que a competencia practicamente se reduce a unha soa operadora.

Compartir: