MULLER

A inserción de prostitutas na sociedade, meta do programa Vagalume

27/09/2005 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e José Montes, presidente de Cáritas Diocesana de Santiago, asinaron un convenio para poñer en marcha o programa Vagalume, que busca a inserción na sociedade de mulleres que se adican á prostitución. O Concello, que leva colaborando con esta institución varios anos, achega 20.000 euros.

Na actualidade máis de 90 mulleres de diferente nacionalidade participan no programa Vagalume e teñen á súa disposición un piso de acollida, un centro asistencial no que poden coidar aos seus fillos e talleres de formación ocupacional. A través deste programa, Cáritas Diocesana tamén pon a disposición das mulleres un servizo de asistencia xurídica que, segundo unha das representantes do programa "é un dos máis usados porque son mulleres sen papeis, con fillos e que teñen problemas nos seus matrimonios".

Un dos piares desta actuación é a axuda psicolóxica que se lles presta, tanto ás mulleres que participan no programa a través dunha psicóloga especialista en violencia como aos seus fillos, que contan coa axuda dunha psicóloga e de educadores.

O proceso de inserción na sociedade, establecido polo programa Vagalume ten dúas fases. A primeira busca que as participantes acaden estabilidade emocional e que adquiran habilidades sociais, para despois, nunha segunda fase, poidan participar nun módulo formativo no que se lles ensina cómo coidar nenos, anciáns e persoas enfermas ou cociñar, entre outras actividades.

Os contidos destes cursos veñen determinados porque a maior parte destas mulleres cando abandonan a prostitución adícanse ao servizo doméstico ou a hostelería. Metres acuden aos cursos de formación reciben unha beca para que poidan facer frente ás súas débedas e para poder subsistir sen acudir á prostitución. Esta medida é necesaria, segundo se explicou durante a sinatura do convenio, porque as mulleres que exercen a prostitución chegan a Galicia cunha débeda que ronda os 2.500 e 3.000 euros. Esta cantidade é a que teñen que pagar as mafias, coaccionadas polas ameazas de morte que reciben as súas familias nos países de orixe.

Ante esta situación, tanto o alcalde compostelán como José Montes, presidente de Cáritas Diocesana de Santiago, consideran que é necesario "acabar con esta forma de exclavitude que está a aumentar espectacularmente nos últimos anos".

O persoal do programa Vagalume adoita visitar, sempre que llelo permitan, algúns clubes para informar e explicar este proxecto a todas as mulleres que queiran sair do mundo da prostitución.

Compartir: