CIDADE HISTÓRICA

Aprobado o proxecto de Gallego Jorreto para transformar o Banco de España no Museo de Santiago e das Peregrinacións

11/11/2008 Na xuntanza mantida polos membros da Comisión Asesora do Casco Histórico quedou aprobada a remodelación que converterá o edificio do antigo Banco de España na sede do Museo Nacional de Santiago e das Peregrinacións. O edificio da Praza das Praterías forma parte do patrimonio non catalogado dentro do recinto de intramuros e requiriu unha modificación do Plan Especial para adaptar o seu uso.

O proxecto, firmado por Manuel Gallego Jorreto, pon en valor a aparencia actual do edificio, que se complementa cunha aportación contemporánea coa que se pechará o contorno do edificio. Esta solución arquitectónica relaciona conceptualmente o interior do edifico co camiño de Santiago, facendo que o percorrido de visita á exposición permanente do Museo finalice coa visión da Catedral (a torre da Berenguela) a través dun gran lucernario.

A proposta de Jorreto ten en conta a linguaxe tradicional da arquitectura compostelá que dialoga coa arquitectura preexistente, reflectindo o espírito do futuro museo que vai combinar a temática das peregrinacións con outras salas que funcionarán coma un observatorio urbano no que se analizará a evolución da cidade a través da Historia. O proxecto conta cun orzamento de execución de 4.143.866 euros.

Casa do Deán
Dentro da intervención que se está levando a cabo na Casa do Deán (esquina da Rúa do Vilar coa de Xelmírez) a Comisión Asesora do Casco Histórico acordou demoler un muro engadido de formigón na primeira planta do edificio. A súa eliminación permitirá observar por completo a fachada oeste do patio, tal e como puido ter sido na súa orixe.

Unha vez demolido, será recuperado como espazo aberto e cuberto entre os dous edificios, cunha proposta deliberadamente desmontable co obxecto de que no futuro, cando quede libre o local comercial inferior, poida derrubarse a totalidade do muro mencionado e recuperalo tamén como espazo aberto.

Centro Ánxel Casal
Por último, quedou aprobado nesta comisión o anteproxecto de rehabilitación do edificio da Casa das Máquinas, na rúa Galeras, para convertelo na sede do Centro de Estudos Composteláns Ánxel Casal. A intervención prevé a consolidación dos muros de fachada e a reconstrución da estrutura orixinal da cuberta, reproducindo as cerchas de tipo ‘Polonceau’ con madeira laminada e aceiro. O interior do inmoble sufrirá unha redistribución total respectando o espazo baleiro central para a configuración dun espazo público cuberto.

Compartir: