XUNTA DE GOBERNO

Adxudicada a redacción dos proxectos para a reubanización dos accesos á cidade

11/11/2008 A Xunta de Goberno local adxudicou provisionalmente o servizo de redacción das obras de urbanización dos contornos urbanos de acceso á cidade. En total, investirase 410.897 euros máis IVE nesta elaboración dos proxectos, que afectarán a cinco tramos.

Os tramos que se reformarán, integrados no chamado convenio de travesías asinado coa Consellería de Política Territorial son: dende a avenida de Castelao ata a Ponte do Romaño, a avenida de Castelao, a rúa Galeras-Salvadas-Vista Alegre ata o cruce coa avenida de Castelao, Rosalía de Castro dende Romero Donallo-Santa Marta-Choupana-Volta do Castro, e o tramo Fonte dos Concheiros-rúa das Fontiñas, rúa do Valiño.

Redactados estes proxectos, o obxectivo do Concello é que se poidan licitar algunhas das obras nos primeiros meses de 2009. Recibidos os proxectos, o Concello decidirá cales son as obras que se executan en primeiro lugar. A previsión é que se poidan acometer as obras en dúas travesías simultaneamente.

As actuacións de mellora inclúen unha nova pavimentación rodada, a construción e acondicionamento das beirarrúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a implantación de servizos urbanísticos e a dotación de mobiliario urbano.

O Goberno local adxudicou provisionalmente as obras de rehabilitación da rede de saneamento na rúa Ricardo Carvalho Calero (a carón do Parque da Música). As obras suporán un investimento de 160.825 euros. O seu prazo de execución é de tres meses.

Benestar Social
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a revisión de prezos do contrato de explotación do Servizo de Axuda no Fogar. Así, de acordo coa actualización do IPC, o prezo do contrato queda en 13,21 euros/hora, para os servizos prestados en xornada laboral de luns a sábado, e en 14,16 euros/hora, para os servizos prestados en xornadas de domingo ou festivos. O gasto máximo queda fixado en 400.000 euros.

Turismo
En Turismo, aprobáronse dous convenios con INCOLSA, un para o Plano de Promoción Turística 2008, por importe de 150.000 euros, e outro que soportará os gastos de funcionamento da entidade, por 921.000 euros.

O primeiro permite executar o Plano de Promoción Turística, un conxunto coordinado de accións para incidir no produto turístico de Santiago. Trátase de mellorar a calidade da experiencia turística, dar maior profundidade á oferta, conseguir un maior nivel de competitividade e preparar os sistema turístico da cidade para os retos do Xacobeo 2010.

O segundo dos convenios financiará os gastos derivados da atención das oficinas de turismo de información municipal, coa posta a disposición do persoal propio que sexa necesario para xestión deste servizo. Tamén sufraga gastos de creación de produtos, publicacións e confección de material de promoción.

Sanidade
En Sanidade, deuse o visto bo á sinatura dun convenio coa Federación Española de Bebidas Espiritosas. Este acordo está encamiñado a previr o consumo de bebidas alcohólicas en colectivos de risco, fomentar a responsabilidade no consumo de bebidas alcohólicas, protexer ao consumidor e controlar o fraude, e autorregular a publicidade.

Servizos Básicos
A proposta da concelleira de Servizos Básicos, o Goberno local adxudicou as obras de instalación de alumeado público nas rúas Escultor Asorey, Enfesta, Travesa dos Basquiños, Teo e Arzúa. Investiranse 20.970,17 euros nesta actuación.

Nesta mesma área adxudicouse definitivamente o contrato administrativo especial para a conservación e mantemento do cemiterio municipal de Santiago de Compostela, por importe de 117.937 euros.

Educación
O Goberno local aprobou as bases do II Premio Internacional "Compostela" de álbums ilustrados, que organiza a Concellería de Educación en colaboración coa editorial Kalandraka, no marco da Campaña de Animación á Lectura. Na primeira edición do Premio, celebrada en 2008, presentáronse 330 traballos. A gañadora foi a arxentina Natalia Colombo, polo seu álbum "Cerca".

Parques
En materia de Parques e Xardíns, acordouse provisionalmente o subministro e instalación de elementos de xogo infantís no entorno do Centro Sociocultural e do grupo escolar Doutor Antonio Maceira, en Laraño. O importe da adxudicación é de 25.605 euros.

Festas
Ademais, adxudicouse provisionalmente o arrendamento de equipos de iluminación pública para a súa instalación nas rúas e prazas do casco histórico e do ensanche durante as festas de Nadal 2008. O primeiro lote adxudicouse por importe de 49.800 euros e o segundo por importe 43.000 euros.

Deportes
Finalmente, elevouse a definitiva a adxudicación das obras de renovación da cuberta do pavillón polideportivo Vite I. O Concello investirá 92.800 euros nesta actuación, que ten un prazo de execución de dous meses.

Documentos relacionados



Compartir: