TURISMO

Comezan os Talleres gastronómicos para nenos e as catas de viños e produtos galegos de "Santiago Repetirás"

10/11/2008 O Hostal dos Reis Católicos acollerá o sábado 15 de novembro as primeiras actividades gastronómicas do Programa de Desestacionalización organizado por Turismo de Santiago, Santiago Repetirás. Serán os Obradoiros gastronómicos para rapaces de entre 6 e 12 anos e as catas de produtos galegos maridadas cos viños do país con Denominación de Orixe. As actividades, ademais de aos visitantes, están abertas tamén a todas as persoas de Santiago que queran participar. As reservas poden facerse en www.santiagorepetiras.com.

O Taller Gastronómico para nenos é unha actividade lúdica que ten dous obxectivos. Por unha banda un obxectivo formativo, xa que os máis pequenos descubrirán a importancia para a saúde dunha boa alimentación dun xeito divertido. Por outra, suporá unhas horas libres para que os pais podan pasear pola cidade con tranquilidade ou acudir a outras actividades gastronómicas. Os talleres, a cargo de monitores especializados, retoman a experiencia para nenos que se fixo no Forum Gastronómico con gran participación.

O sábado 15 haberá dous talleres para nenos, para adaptarse aos horarios dos pais. Un será pola mañá, de 11:00 a 12:30 horas, e outro pola tarde será de 18:00 e 19:30 horas. A actividade da tarde está pensada especialmente para aqueles pais que tamén queran participar na cata de viños e produtos galegos que terá lugar ese mesmo día. A seguinte actividade para nenos será o día 6 de decembro. O prezo é de cinco euros.

Un dos obxectivos da Concellería de Promoción Económica e Turismo é convertir á enogastronomía galega nun dos atractivos da cidade. Por iso, diferentes expertos dirixirán catas de viños galegos maridados con produtos típicos do país, como conservas, queixos, ou porco celta, entre outros. Cada un dos meses dedicarase a unha das cinco denominacións de orixe de viños galega: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras.

O sábado 15, entre as 18:00 e as 20:00 horas, celebrarase a primeira das catas. Será de viño da Denominación de Orixe Rías Baixas, maridado con conservas. A seguinte cata, o sábado 29 de novembro, será tamén da Denominación de Orixe Rías Baixas, maridado coa Denominación de Orixe Queixos de Tetilla. No mes de decembro haberá outras dúas catas, o sábado 6 de decembro da Denominación de Orixe Ribeiro con queixos da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, e o 20 de decembro tamén de Ribeiro, neste caso maridado con Porco Celta. O prezo das catas é de cinco euros.

Outra das actividades de Santiago Repetirás é Merco e Cociño con ..., onde os participantes realizarán primeiro unha compra dos productos guiados polo cociñeiro responsable do taller. Despois, os participantes dirixiranse á cociña e alí prepararán os produtos mercados. Posteriormente, os asistentes degustarán os pratos elaborados. A primeira actividade será o sábado 22 de novembro con Iago Castrillón, do restaurante Acio, gañador do Premio á Mellor Tapa do Concurso SANTIAGO(é)TAPAS. Outros cociñeiros son Marcelo Tejedor, Pepe Solla, ou Beatriz Sotelo, que obtivo o recoñecemento á mellor cociñeira do Estado do ano 2008.

Compartir: