TRANSPORTES

O servizo de aluguer de bicicletas supera os 350 usuarios nos primeiros catro meses de funcionamento

10/11/2008 Son xa 357 os usuarios do servizo municipal de aluguer nos primeiros catro meses de funcionamento. Así o indicou o concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, que fixo un balance positivo da implantación deste sistema, que se traduciu en 1.891 desprazamentos neste período.

A análise da tipoloxía dos viaxes reflicte que os usuarios usan este servizo principalmente ao longo dos días laborables, o que confirma a bicicleta como un medio de transporte realmente alternativo nos desprazamentos pola cidade. A media diaria está en 17,35 desprazamentos, cunha duración de 19,19 minutos. Cómpre indicar que nos meses de outono se detectou un leve descenso no número de viaxes, o que, segundo Nieves, está motivado pola climatoloxía adversa.

En canto ao uso das sete estacións de aluguer de bicicletas, o concelleiro destacou a alta utilización da situada na Estación de Autobuses, especialmente como orixe, mentres que a da Praza Roxa é a máis empregada coo destino. Séguenlle en niveis de uso as do Campus Sur e a de Área Central. Menores niveis rexistran o Burgo, Santa Isabel e Sar, se ben Nieves anunciou que se está a traballar con estes dous últimos complexos deportivos para potenciar o uso da bicicleta dende os mesmos.

Tamén para os usuarios do aparcadoiro de Xoán XXIII
Na liña de seguir mellorando este servizo, a partir do mércores 12 de novembro, o aparcadoiro de Xoán XXIII contará cun novo servizo. Calquera usuario de rotación do estacionamento poderá realizar os seus desprazamentos sen custo algún.

O usuario, logo de aparcar o vehículo, poderá solicitar na oficina de información unha tarxeta para poder realizar as súas xestións en bicicleta. Cando remate, entregará a bicicleta e a tarxeta ao persoal do aparcadoiro e poderá retirar o seu vehículo.

Documentos relacionados



Compartir: