TRANSPORTES

Santiago contará con tres taxis adaptados en 2009

10/11/2008 O concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, anunciou que en 2009 o Concello concederá licenzas para tres taxis adaptados. Así se contempla no plan de implantación deste transporte contemplado polo Concello, que levará a un total de oito vehículos adaptados en 2017.

Este plan de implantación progresiva de taxis adaptados será aprobado pola Xunta de Goberno do 11 de novembro. Cómprese así coa obriga legal establecida polo Real Decreto 1544/2007, que regula as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos medios de transporte para persoas con discapacidade.. Esta norma que determina que nun prazo de 10 anos un 5% dos taxis deberán estar adaptados. Segundo isto, a Santiago correspóndenlle oito licenzas do total de 147.

En 2009 serán tres as licenzas outorgadas, que poderán solicitar os propietarios actuais de licenzas de taxi ou ser de nova creación. En 2011 concederase outra licenza, en 2013 outra, unha máis en 2015 e dúas en 2017, ata acadar as oito previstas.

Nieves expresou o seu convencemento en que haberá solicitudes para estas licenzas, cun procedemento que se poñerá en marcha nuns dous meses. O Concello concederá unha subvención de 6.000 euros para a adaptación destes taxis. Unida a outra que concede o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO), a axuda total por este concepto pode chegar aos 18.000 euros. O concelleiro recordou que, ata agora, a solicitude de licenzas de taxis adaptados era totalmente voluntaria.

Compartir: