CULTURA

Cineuropa percorre a filmografía do cineasta francés Olivier Assayas

07/11/2008 Un dos nomes que está a protagonizar o Festival Cineuropa 2008 é o do cineasta Olivier Assayas. A pesar do recoñecemento xeralizado que o director francés posúe na crítica internacional, son moi escasos os títulos que teñen chegado ás pantallas galegas. Cineuropa ofrece unha oportunidade única de se mergullar na suxestiva obra de Assayas, grazas á retrospectiva que lle está a dedicar nesta XXII edición.

Recoñecido pola solidez da súa carreira cinematográfica, Olivier Assayas é un dos principais expoñentes do cinema francés contemporáneo. Caracterizado polo magnífico uso da fotografía como recurso narrativo, o autor galo bota man dun estilo onde se constata unha permanente tendencia cara á experimentación.

O sábado 8, ás 20:00 horas, proxectarase no Teatro Principal Clean, unha peza que narra a historia de Emily que, alonxada á forza do seu fillo, tenta reorganizar a súa vida co único fin de recuperalo. Este mesmo día, ás 18:00 horas e no CGAC, pasarase L'enfant de l'hiver, drama romántico protagonizado por un arquitecto que abandona á súa moza, a piques de dar a luz, para perseguir unha escenógrafa que, á súa vez, está obsesionada por un actor que xa ten noiva. Xa o domingo 9, ás 18:00 horas no CGAC, poxectarase Finais de agosto, principios de setembro, que se sitúa nos últimos días de Adrien, un enfermo terminal.

Olladas críticas do noso tempo
Nas xornadas do 8 e 9 de novembro destaca, asemade, a proxección de filmes documentais que ofrecen unha ollada crítica cara ao funcionamento interno das sociedades nas que se sitúan. O sábado 8, ás 21:30 horas no Teatro Principal, proxectarase McLibel, da directora Franny Armstrong, que grava o pleito mantido por MacDonald's contra dous activistas de Greenpeace por acusar á multinacional de comida rápida de incurrir en crueldade animal, non respectar os valores nutricionais aceptables nos seus produtos ou ofrecer baixas retribucións aos seus empregados.

Pola súa banda, o filme mexicano De nadie, de Tin Dirdamal, trata das inxustizas sufridas polos emigrantes centroamericanos que, no seu camiño cara aos EUA, deben pasar por México.

Tamén ocasión de ver, por vez primeira en Cineuropa, Sparrow, unha homenaxe de Johnny To á súa cidade de orixe, Hong Kong. No filme, que se proxectará tanto o sábado 8 coma o domingo 9, móstrase a beleza desta urbe, as súas ruelas, o seu recantos máis agochados e as súas xentes.

Compartir: