EDUCACIÓN

Aberto o prazo para presentar candidaturas aos Premios Vagalume 2008

07/11/2008 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou a convocatoria da XVI edición dos Premios Vagalume. Estes galardóns recoñecen o traballo de colectivos ou de persoas individuais que desenvolven as súas actividades cunha clara vocación social no municipio de Santiago.

Estes galardóns contribúen a desenvolver actitudes postivias cara o traballo social. Ademais, son unha boa maneira de estimular a cooperación, a solidariedade e a igualdade entre os composteláns.

As bases establecen un premio individual e outro a unha entidade benéfica e social, consistentes nunha insignia de ouro e acibeche e nun diploma acreditativo. O prazo para a presentación de candidaturas rematará 28 de novembro.

A documentación entregarase no Rexistro Xeral do Concello (rúa Presidente Salvador Allende). Na mesma incluirase unha breve biografía da persoa ou colectivo proposto, a exposición do traballo realizado e a exposición razoada polo propoñente dos motivos para a presentación da candidatura.

Os dous premios entregaranse nun acto público. Na edición de 2007 o premio colectivo recaeu na Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI), mentres que o individual foi para Banessa Giménez Giménez.

Compartir: