DEPORTES

O pavillón de Santa Isabel estrea pista deportiva

05/11/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou o pavillón polideportivo de Santa Isabel. Alí vén de realizarse a obra de substitución do pavimento de madeira, por un importe de 175.000 euros. En paralelo adquiríronse novas canastras para completar o equipamento.

O pavillón polideportivo de Santa Isabel conta con novo pavimento deportivo de madeira e de elasticidade superficial. Trátase dunha pista de gran calidade e homologada para calquera competición. Así o destacou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen considerou necesaria esta renovación, "porque Santa Isabel é a instalación deportiva municipal máis antiga", xa que a súa construción data de principios dos 80.

A renovación de Santa Isabel xa comezara coa ampliación da cuberta e coa adquisición de nova maquinaria. Tras a substitución da pista e a adquisición de canastras, o seguinte paso –anunciou Sánchez Bugallo- será o cambio do marcador por outro con funcionamento por sistema de fíos.

Ademais, vaise transformar toda a zona de auga do complexo. "Construíranse catro pistas máis, que se sumarán ás oito actuais, e tamén haberá outra zona spa no espazo onde antes estaba a grada de río do estadio de fútbol", apuntou o alcalde. Coa vista posta nesta reforma, o Consorcio ampliou o prazo de concesión municipal para a explotación do Multiusos ata 2028, a cargo do Concello e da Sociedade Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos (XADE), así como as obras de acondicionamento nestas instalacións deportivas. Entre os proxectos previstos tamén figura o cambio da cuberta das piscinas de Sar.

Finalmente, Sánchez Bugallo referiuse á intención municipal de "seguir dotando á cidade de maiores e mellores instalacións". Nesta liña, recordou a adxudicación das obras do pavillón polideportivo de Fontiñas, do que se agarda poñer a primeira pedra en xaneiro.

Pista elástica
Entre as características da nova pista de Santa Isabel destaca a súa elasticidade e que está construída con capa illante contra a humidade ascendente, cun elemento amortiguador de caucho cada 400 mm. Conta tamén cun rodapé de madeira de carballo con abertura para a ventilación do sistema de rastreis e goma na parte inferior que impide que entren líquidos no interior, entre outras características.

Nesta obra investiuse un total de 175.160 euros aos que se lle engaden os 16.130 que se empregaron na dotación de equipamento deportivo consistente en canastras fabricadas segundo a normativa FIBA e coa homologación desta última.

Compartir: