EDUCACIÓN

As matemáticas e a arte, unidas a través da obra de Escher

05/11/2008 Con motivo da celebración da Semana da Ciencia do 10 ao 14 de novembro, a Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA), en colaboración coa Concellería de Educación, organiza a exposición interactiva "Escher e Matemáticas. Diálogo entre ciencia e arte". A mostra estará na Galería Sargadelos.

Esta exposición, enmarcada na Semana da Ciencia 2008 e financiada pola Consellería de Innovación e Industria, amosa un novo punto de vista na relación entre as matemáticas e a arte, buscando a continuidade desta actividade nas aulas. Presenta a obra do artista holandés Maurits Cornelis Escher (1898-1972), especialmente a realizada a partir de 1937, momento no que as súas creacións, segundo palabras do presidente da súa fundación, "amosan extraordinarias manipulacións do espazo, o tempo e a perspectiva, que reorganizou conforme á súa persoal e enxeñosa lóxica. A simultaneidade da perspectiva é o lugar común, o infinito é a dirección, o negativo e o positivo son intercambiables e a fascinación é o resultado".

Este carácter fascinante da obra de Escher foi especialmente resaltado pola coordinadora da mostra, Inés Ben, quen destacou o seu "asombroso dominio do plano". Pola súa parte, a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, subliñou o carácter didáctico desta mostra, estruturada en varios módulos. Así, xunto ás láminas de Escher haberá obradoiros, proxección de vídeos e programas informáticos.

Esta mostra está dirixida fundamentalmente a estudantes de secundaria, que poderán facer visitas en grupo acompañados por un profesor. As visitas, duns 120 minutos de duración, realizaranse entre as 10:00 e as 18:00 horas. A visita do público en xeral é de balde.

Compartir: