CULTURA

Arrinca Cineuropa con "A noite que deixou de chover"

04/11/2008 Presentouse no Teatro Principal a proxección de A noite que deixou de chover, filme rodado integramente en Compostela que marca o comezo da edición XXII do Festival Cineuropa.

A noite que deixou de chover achega unha visión diferente de Santiago. Nesta apreciación coincidiron tanto o director do Festival, José Luis Losa, como o director e actor do filme, Alfonso Zarauza e Luís Tosar. Segundo indicou Zarauza, a súa vontade era presentar unha cidade que foxe dos tópicos e na que non atoparemos "nin tunos, nin peregrinos, nin universitarios".

O autor do filme tamén destacou a súa ledicia por formar parte do programa de Cineuropa, tanto pola calidade do mesmo como polo feito de "voltar á miña casa, o lugar onde me eduquei cinematograficamente ao acudir ano tras ano ao Festival".

Pola súa banda, Luis Tosar, manifestou a súa honra por ter participado nunha longametraxe que supón a culminación a un longo traballo de colaboración con Zarauza que se mantén dende hai quince anos. Ademais, o actor lucense destacou o reto que supuxo enfrontarse ao personaxe de Spleen, moi arredado dos rexistros cos que Tosar vén traballando nos últimos anos.

Un refuxio para os cinéfilos
O propio Luis Tosar gabou á organización pola continuidade dun Festival que, arestora, supón un refuxio para os amantes do cinema que atopan en Cineuropa un xeito de se situar na vangarda europea ao presenciar obras premiadas nos mellores festivais continentais en versión orixinal subtitulada.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, salientou a importancia de que un Festival de primeiro nivel internacional abra cunha obra realizada en Galicia, ao tempo que lembrou a condición eminentemente compostelá de A noite que deixou de chover. Tamén interveu na rolda de prensa un dos produtores, Manuel Cristóbal, quen indicou que este filme "é unha das historias máis bonitas que poden suceder en Santiago.

Compartir: