CONSORCIO

O Consorcio aproba o Plan de Mantemento de Edificios

04/11/2008 O alcalde compostelán presidiu o Consello de Administración do Consorcio de Santiago, no que, entre outros acordos, aprobouse a conta xeral do exercicio de 2007 e o Plan de Mantemento de Edificios. Tamén se ampliou o prazo de concesión municipal para a explotación do Multiusos ata 2028, a cargo do Concello e da Sociedade Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos (XADE), así como as obras de acondicionamento nestas instalacións deportivas por importe de 1.678.837 euros.

O Consello tamén autorizou a aprobación definitiva do Plan de Mantemento de Edificios que ata agora se viña aplicando de maneira experimental. Ademais do mantemento de fiestras e galerías de madeira, este programa esténdese á envolvente exterior completa dos edificios, medianeiras, portais e escaleiras interiores, entre outros elementos singulares catalogados.

A boa acollida e o éxito do programa, posto en marcha en xullo de 2006, está a permitir a execución de obras de mantemento ordinario en relación cos edificios incluídos no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. (PE). Enténdese por obras de mantemento as definidas no art. 56 do PE como "actuacións de conservación", así como as tipificadas no art. 33 como "obras de interese arquitectónico, histórico ou ambiental de carácter ordinario", e as tipificadas no art. 34 como "obras de interese arquitectónico de carácter extraordinario".

Compartir: