CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os mozos de Compostela estudan un ano máis para impulsar proxectos de cooperación ao desenvolvemento

04/11/2008 Mañá, mércores 5 de novembro, dará comezo a 6ª Olimpiada Solidaria de Estudo, unha iniciativa que quere implicar aos mozos e mozas na consecución de fondos para financiar proxectos educativos no terceiro mundo a través do tempo que dediquen a estudar. Un ano máis, Compostela súmase a esta campaña a través dos centros socioculturais da Trisca, Conxo, Vite e Fontiñas.

O funcionamento da Olimpiada é sinxelo: cada estudante que se inscriba na actividade pode converter as súas horas de estudo en euros grazas á axudas dos patrocinadores públicos e privados. O entrar na sala de estudo o mozo recolle o papel moeda correspondente ás horas que ten programado estudar. Unha vez transcorrido este tempo e antes de marcharse, o responsable da sala confirma que cumpriu o previsto e sela o billete, introducíndoo nunha furna.

Cada hora equivalerá a un euro de axuda que se destinará a catro proxectos: un de capacitación profesional dos mozos de Guayaquil (Ecuador); formación para a infancia, xuventude e mulleres en Camerún; equipamento dos talleres técnicos das catro escolas "Mains Ouvertes" (Haití); e apoio escolar para os nenos e adolescentes en Angola. O Concello de Santiago, a través da concellaría de Centros Socioculturais, súmase a esta campaña, poñendo a disposición as bibliotecas e salas de estudo dos centros da Trisca, Conxo, Vite e Fontiñas.

A Olimpiada Solidaria do Estudo quere así incentivar durante o mes (a campaña permanece aberta ata o 5 de decembro) o estudo dos máis de 15.000 rapaces que se prevé que participarán, vinculando as súas horas de esforzo no estudo á colaboración con proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Aos universitarios e escolares só se lles pedirá o esforzo de estudar, xa que a Olimpiada busca promover a interacción entre a solidariedade, a educación e a xuventude.

Nas cinco edicións anteriores da Olimpiada acumuláronse máis de 440.000 euros, grazas a participación de case 25.000 mozos de varios países.

Máis información na páxina web www.olimpiadasolidaria.com

Compartir: