XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as obras do novo pavillón polideportivo de Fontiñas

04/11/2008 A Xunta de Goberno adxudicou as obras do pavillón polideportivo de Fontiñas, por un importe de 1.687.543 euros. Este novo equipamento deberá estar listo en 14 meses.

Esta nova dotación deportiva situarase en dous planos de uso: un dende a Avenida de Madrid e outro dende a praza que ensancha a beirarrúa da rúa de Lisboa. Construiranse 2.624 metros cadrados, incluídas as zonas cubertas exteriores. O financiamento está compartido entre o Concello e as consellarías de Cultura e Deporte e de Educación e Ordenación Universitaria.

Tamén no ámbito de deportes, adxudicouse provisionalmente a primeira fase das obras de urbanización da zona deportiva de San Lázaro, por un importe de 1.600.000 euros e un prazo de execución de 10 meses.

Estas obras deixarán para o barrio un novo campo de fútbol, con gradas, vestiarios, un aparcadoiro de 69 prazas e unha pequena dársena de autobuses. O proxecto acometerase nunha parcela de 22.400 metros cadrados a carón das instalacións do SERGAS, en San Lázaro, entre a rúa de San Lázaro e a rúa Penamaría. Para acceder ao campo construirase un vieiro principal de 1.680 metros cadrados.

O campo terá dimensións regulamentarias (65 por 105 metros) e dará servizo principalmente aos clubs Amio e Vitoria. Inicialmente será de terra e nunha fase posterior pasará a ser de herba artificial. Ademais da zona deportiva está prevista unha zona verde duns 10.000 metros cadrados.

Cómpre lembrar que esta é a segunda licitación que se fai desta obra, que inicialmente non se puidera acometer polos problemas xurdidos co traslado dunha torre de alta tensión situada nos terreos que vai ocupar o campo de fútbol.

Neste mesmo barrio, o Goberno local adxudicou provisionalmente o servizo de conservación e mantemento dos campos de fútbol de San Lázaro I e San Lázaro II, ademais das zonas verdes anexas do campo de fútbol de Santa Isabel. Terá un custo de 47.890 euros.

Igualmente en Deportes, aprobáronse as subvencións, por importe de 70.900 euros, para 138 actividades puntuais.

Benestar Social
A Xunta de Goberno tamén deu conta da concesión ao Concello dunha subvención da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para a prestación de servizos sociais. Son 426.709 euros destinados a persoal de atención primaria, axuda a domicilio e xestión de diversos programas, como os de aloxamento e convivencia, fomento da cooperación local ou prevención da marxinación.

Ademais, aprobouse un gasto de 17.670 euros para o desenvolvemento do programa "Información e formación en prevención de drogodependencias para alumnos/as da ESO". Esta actuación desenvólvese en 30 talleres, nos que se ofrece información sobre os riscos do uso e abuso de drogas.

Cultura e Centros Socioculturais
No ámbito da Concellería de Cultura e Centros Socioculturais, deuse o visto bo ao convenio de colaboración coa Fundación Eugenio Granell, cunha achega municipal de 94.356 euros. Esta cantidade destinarase ás diferentes actividades culturais e exposicións programadas pola Fundación, ademais de a gastos de funcionamento e mantemento da entidade. Este convenio estará vixente ata o 21 de decembro de 2011.

Esta mesma Concellaría acordou a concesión de subvencións a 42 entidades sen fin de lucro do ámbito cultural. As cantidades suman un total de 45.000 euros e oscilan entre os 600 e os 2.500 euros.

Finalmente, deuse conta da concesión, pola Deputación da Coruña, de sete proxeccións de películas dentro do programa Noites de Cine 2008. O organismo provincial faise cargo do 60% do custo destas proxeccións e o Concello asume o 40% restante. Máis información sobre este ciclo na páxina web www.noitedecine.com.

En Centros Socioculturais, aprobáronse dous convenios de colaboración coa Deputación da Coruña para o mantemento desta rede. En concreto, un dos acordos contén unha achega de 180.000 euros para o CSC e Xuvenil do Ensanche, mentres que o outro destina 145.000 euros para o sostemento dos centros socioculturais.

Relacións veciñais
O Goberno local tamén ratificou outras subvencións, neste caso as concedidas ás asociacións de veciños. Son 73.076 euros repartidos entre 34 asociacións. Estas axudas serven ás entidades veciñais para o desenvolvemento dos seus programas e actividades e para o mantemento dos seus equipamentos. A contía das subvencións vai dos 681 aos 2.950 euros.

Urbana Santiago Norte
Finalmente, tomouse en coñecemento a asignación de 8.003.513 euros como axuda do FEDER destinada ao Concello para financiar o programa da Iniciativa Urbana Santiago Norte. Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Socorro García Conde, neste intre está traballando a Comisión que decidirá a prioridade dos proxectos a acometer. En breve resolverase tamén a convocatoria para a provisión dun posto de coordinador deste programa e porase en marcha a Oficina de Información desta iniciativa, para a que xa se atopou ubicación no ámbito do proxecto.

Documentos relacionados



Compartir: