TRABALLO

O Sarela recupera outros 800 metros de paseo á súa beira

04/11/2008 O alcalde de Santiago, Xosé A Sanchez Bugallo; o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, e o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, visitaron o paseo do río Sarela rehabilitado polos 60 alumnos e alumnas do Obradoiro de Emprego Compostela Natural. As obras consistiron na rexeneración do cauce e apertura dun paseo á beira do río de 800 metros de longo por 1,35 de ancho, entre a igrexa do Carme de Abaixo e Casas da Ribeira de San Lourenzo.

Despois de facer un percorrido polo novo paseo, o alcalde resaltou a importancia deste proxecto "para formar traballadores e para que esa formación teñan un sentido práctico". Neste sentido, declarouse "orgulloso" desta iniciativa e doutra semellante para a formación de canteiros destinados a traballar no enlousado do Casco Histórico.

Neste obxectivo formativo co fin de "dinamizar o mercado de traballo" incidiu o conselleiro de Traballo, quen recalcou o compromiso do seu departamento con Santiago neste ámbito. Ademais, tanto Ricardo Varela como o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, tiveron palabras de felicitación para os traballadores por esta importante obra colectiva.

En dúas fases
A obra dividiuse en dúas fases para poder coordinar os traballos e a formación do alumnado do obradoiro. A primeira fase ten unha lonxitude de 380 metros. Abrangue dende os arredores da igrexa do Carme de Abaixo ata uns 60 metros antes da antiga fábrica de curtidos de Casas do Rego, edificada no ano 1791. A segunda fase, cunha extensión de 420 metros, comeza cunha pasarela e percorre o río ata chegar ao antigo muíño de Gasamáns, onde enlaza nas Casas da Ribeira de San Lourenzo co sendeiro que chega ata Ponte Sarela, que se limpou de maleza.
Para poder realizar o paseo do río Sarela abriuse un camiño ao longo do río restituíndo os cinco metros de servidume legais. O paseo, debido á ocupación urbana, vai dunha marxe á outra empregando ata cinco pasarelas de nova construción. Tamén se restauraron outras dúas que xa existían eliminando as barreiras arquitectónicas que presentaban, e demoleuse unha privada que estaba en ruínas.

Ademais, limpouse de maleza a ribeira e o cauce do río, recolleuse o lixo acumulado nesas zonas, construíronse e rehabilitáronse os muros de contención das ribeiras do río, reconstruíronse os muros das parcelas colindantes, púxose o tendido de tubería para a canalización eléctrica e colocouse alumeado público na primeira fase das obras, restaurouse un conxunto etnográfico composto por unha fonte, un lavadoiro e un acueduto, e realizouse un sendeiro, nalgúns lugares de terra pisada, e noutros de madeira, ao longo de todo o paseo. Arredor deste sendeiro sementouse céspede e plantáronse especies autóctonas de ribeira. A execución material da obra tivo un custe de 350.000 euros.

Compostela Natural
O Obradoiro de Emprego Compostela Natural, desenvolvido pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, contou cun orzamento de 1.173.865 euros aportados pola Consellería de Traballo. Dos 60 alumnos que participaron o 50% eran mulleres, aos que hai que engadir outras 13 persoas entre persoal docente e de xestión. O alumnado recibiu formación teórica en catro especialidades no Centro de Formación Ocupacional Sanxuás de Aríns. Estas especialidades foron Carpintaría, Xardinaría, Electricidade e dous módulos de Albanelería. Integrado no Plan de Acción Local polo Emprego, o Obradoiro de Emprego Compostela Natural comezou o 27 de setembro do 2007 e rematou o 26 de setembro do 2008.

Compartir: