CULTURA

Máis títulos que nunca nun Cineuropa comprometido co seu tempo

03/11/2008 Presentouse a XXII edición de Cineuropa, que se inaugurará oficialmente o martes 4 de novembro, coa proxección de A noite que deixou de chover, de Alfonso Zarauza. Na edición de 2008, o Festival proxectará unha cifra récord de filmes, máis de 250, entre os que destaca a sección Panorama Galiza.

A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, foi a encargada de presidir o acto, no que salientou a presenza no programa desta edición da sección Panorama Galiza, que permitirá aos espectadores presenciar os filmes contemporáneos máis destacados feitos en Galicia. Esta sección, que se compón de máis dun cento de obras, xorde da colaboración da Concellaría de Cultura coa Axencia do Audiovisual Galego e permitirá asistir á estrea de ata tres longametraxes galegas.

A XXII Edición de Cineuropa, que se desenvolverá entre o 4 de novembro e o 3 de decembro, achegará os filmes premiados e as obras máis valoradas nos festivais europeos desta tempada. Ademais, non faltan os galardóns dos propios festivais, que neste 2008 foron para os directores Jaime Rosales e Pablo Trapero, que asistirán persoalmente ás galas de entrega de premios.

Ademais, este ano Cineuropa contará coa presenza de varios dos autores dos filmes para o seu contacto co público compostelán, así como para favorecer a troca de impresións e o debate despois do visionado das súas obras. Alén das figuras premiadas, contaremos cos portugueses Tiago Guedes e Federico Serra (Entre os dedos), con Helena Taberna (La buena nueva), Juan Vicente Córdoba (autor do traballo sobre o Pozo do Tío Raimundo Flores de luna), Rogelio G. Abraldes (Buzos haciendo surf, Un documental sobre Surfing Bichos), Oriol Porta (Hollywood contra Franco) ou o chileno José Luis Torres Leiva (El cielo, la tierra, la lluvia).

Retropectivas, maratóns e actividades paralelas
O Festival complétase cunha serie de eventos e seccións, ao carón da Oficial. Un dos protagonistas de Cineuropa vai ser o cineasta francés Olivier Assayas que, logo de case trinta anos de carreira presenta unha das filmografías máis suxestivas e interesantes do cinema de autor europeo.

Por outra banda, asistiremos á tradicional maratón, que este ano recibe o título de Carne, nome do filme arxentino de Armando Bo, que tamén vai ser proxectado. Ao seu carón pasaranse May, Peeping Tom (O fotógrafo do pánico), Shortbus, Russ Meyer's Supervixens, The Addiction e un filme sorpresa.

Outro ciclos temáticos do certame percorrerán a obra do cineasta canadense Guy Maddin, o cinema de vampiros contemporáneo, os filmes que tratan o tema da pederastia, ou o cinema de ciencia ficción da Serie B americana.

Dentro da liña de cinema comprometido política e socialmente, e facendo parte da sección Panorama Internacional, sitúanse varias producións que retratan o conflito árabe-israelí como Captain Abu Raed, Os limoeiros e, sobre todo, Waltz with Bashir, que se achega á matanza de palestinos en Sabra e Chatila desde o cinema de animación.

Na presentación oficial de Cineuropa interviron a concelleira de Cultura, Socorro García Conde; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez; o director da Axencia Audiovisual Galega, Manuel González; e o director do festival, José Luis Losa.

Compartir: