TURISMO

Turismo de Santiago duplica o orzamento da campaña de desestacionalización

31/10/2008 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou no Pazo de Raxoi a Campaña de Desestacionalización da tempada de inverno. Santiago Repetirás dobra o orzamento respecto da anterior edición. O obxectivo é manter o atractivo da cidade nun momento de crise económica internacional, que está a afectar ao sector turístico.

Turismo de Santiago desenvolve cada tempada de inverno un programa de desestacionalización co obxectivo de fomentar atractivos concretos aos potenciais visitantes para que veñan á cidade entre novembro e marzo, de tal xeito que se manteña un fluxo constante e coherente de visitantes ao longo do ano.

Do 1 de novembro de 2008 ao 31 de marzo do 2009 desenvolverase a campaña de desestacionalización co maior orzamento feita ata o momento. Dende Turismo de Santiago considerase que neste momento no que hai unha situación económica internacional difícil, que está afectar ao sector turístico, é cando se debe desenvolver un maior esforzo promocional para atraer visitantes e consolidar o posicionamento de Santiago como un destino atractivo durante todo o ano.

Ata o momento, o esforzo realizado tense traducido en que será o ano no que se contará coa participación de cinco touroperadores, o maior número das programas de desestacionalización realizados. Son: Transhotel, Soltour, Viagal, Hotelbeds, Atrápalo e Costas Galicia, o maior touroperador galego, ademais da participación de Compostur, o propio touroperador de Turismo de Santiago, a través do que se teñen adherido ao programa 31 estabelecementos hoteleiros. Os visitantes poderán mercar o paquete turístico completo a través de internet, na páxina www.santiagoreservas.com.

Segundo indicou o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, por primeira vez nunha campaña de desestacionalización, Turismo de Santiago desenvolverá campañas de promoción concretas naqueles destinos internacionais nos que hai liñas aéreas directas de baixo custe: París, Londres, Roma e Francfurt, có obxectivo de fomentar os shortbreaks, ou escapadas.

Gastronomía
No tempada 2007-2008, Turismo de Santiago baseou por primeira vez a campaña de desestacionalización na gastronomía, dedicando cada mes a un produto de tempada. Nesta edición, dentro da estratexia global de fomento da enogastronomía galega como xeito de atraer a un importante segmento de potenciais visitantes, Santiago Repetirás ofertará un maior abano de actividades baseadas na cociña. Serán cinco actividades, complementarias entre si pero pensadas para diferentes públicos: Merco e cociño con..., Taller gastronómico para nenos, Cata de viños e maridaxe con produtos galegos, Rutas de Cociña e Rutas de Tapas.

En Merco e Cociño con... os participantes realizarán primeiro unha compra dos productos guiados polo cociñeiro responsable do taller. Despois, os participantes dirixiríanse a cociña e alí, seguindo as explicacións do cociñeiro, prepararán os produtos mercados. Posteriormente, os asistentes degustarán os pratos elaborados. Algúns dos cociñeiros participantes son: Marcelo Tejedor, posuidor dunha estrela Michelín, Pepe Solla, ou Iago Castrillón, gañador do Premio á Mellor Tapa do Concurso SANTIAGO(é)TAPAS. Serán un sábado ao mes no Hostal dos Reis Católicos

O Taller Gastronómico para nenos é unha actividade lúdica que ten dous obxectivos. Por unha banda ten un obxectivo formativo, xa que os máis pequenos descubrirán a importancia para a saúde dunha boa alimentación dun xeito divertido. Por outra banda, suporá unhas horas libres para que os pais podan pasear pola cidade con tranquilidade. Estes talleres retoman os talleres para nenos que se realizaron no Forum Gastronómico con gran participación. Serán os mesmos días que Merco e Cociño con... para poder ofertar un produto para pais e fillos.

Turismo de Santiago quere converter este ano ao viño galego nun dos atrativos da cidade. Por iso, dirixidas por recoñecidos sumilleres, realizaranse catas de viños galegos acompañados doutros produtos típicos do país, como conservas, queixos, embutidos, entre outros. Cada un dos meses adicarase a unha das cinco denominacións de orixe de viños galega: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras. Haberá dúas catas ao mes. Serán en sábado no Hostal dos Reis Católicos.

Finalmente, desenvolveranse Rutas de Cociña e Rutas de Tapas. Nas rutas de Cociña os restaurantes participantes ofertarán menús temáticos seguindo dous eixos: cociña do bosque ou do outono (caza, cogumelos, castañas,...), nos meses de novembro e decembro; e cociña de culler (sopas, caldos, guisos, callos,...) entre xaneiro e marzo. Nas Rutas de Tapas os estabelecementos participantes ofertarán tapas seguindo os dous mesmos eixos. As rutas desenvolveranse as fins de semana.

Direcciones relacionadas



Compartir: