ALCALDÍA

A nova presidenta de AENA comprométese co alcalde a impulsar o inicio das obras da terminal de Lavacolla

31/10/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo unha conversa coa nova presidenta de AENA, Encarnación Vivancos, que vén de tomar posesión do seu cargo. Na mesma, esta comprometeuse a impulsar o inicio das obras.

Despois da conversa, o alcalde expresou a súa "confianza en que proximamente se fixe a data para a ocupación dos terreos". Neste sentido, reiterou que, tratándose os terreos afectados dunha propiedade do Estado, neste caso do Ministerio de Defensa, "este é un tema de difícil comprensión para a cidadanía e de imposible aceptación".

Sobre outra das infraestruturas fundamentais para Santiago, a estación do AVE, Sánchez Bugallo confirmou a xuntanza que manterá con presidente de ADIF na segunda metade de agosto, a fin de concretar detalles e trazar definitivamente a ruta a seguir en relación á estación.

Xulgados
O alcalde tamén se referiu á creación de novos xulgados en Santiago e indicou que ten previsto falar co ministro de Xustiza, Mariano Fernández Bermejo, para "esixirlle que se cumpran os compromisos adquiridos coa cidade polos seus antecesores".

Pleno do estado do municipio
Finalmente, confirmou que a finais de novembro, nunha data aínda por determinar, celebrarase o Debate sobre o Estado do Concello. Este mecanismo anual de control público da acción do Goberno está contemplado no novo Regulamento Orgánico Municipal do Pleno.

Compartir: