TURISMO

Unha misión compostelá viaxa á cidade china de Qu Fu

23/09/2005 Entre os días 25 de setembro e 2 de outubro representantes de Turismo de Santiago e do Concello viaxarán a Qu Fu, Cidade Patrimonio da Humanidade obxecto do programa de revalorización turística Asia URBS Heritage da Comunidade Europea, liderado por Santiago de Compostela e Rennes.

O concelleiro de Turismo, Francisco Candela, o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, e o responsábel da Oficina de Rehabilitación do Concello, Angel Panero, serán os encargados de representar a Compostela na reunión do comité científico e técnico Asia URBS, un evento que servirá para formalizar o protocolo tripartito deste ambicioso programa para o desenvolvemento sostíbel da cidade chinesa.

Como se recordará, en febreiro deste ano produciuse en Compostela a primeira reunión de traballo do comité, no que se fixou un calendario de actuacións para a rehabilitación e preservación do casco histórico de Qu Fu, a través da actualización do seu inventario patrimonial, a elaboración dun plan de conservación do centro histórico e o deseño dun plan de promoción turística.

Qu Fu, situada na provincia china de Shandong, ademais de ser o berce de Confucio e meta da peregrinación ao templo deste filósofo, posúe un casco histórico recoñecido pola Unesco como Patrimonio da Humanidade desde 1986. Por este motivo, a preocupación dos expertos céntrase na elaboración dun proxecto que permita o desenvolvemento harmonioso da cidade e a valorización turística do seu patrimonio, en momentos en que se aproxima a celebración dos Xogos Olímpicos de Pekín de 2008.

O proxecto adiantarase entre 2005 e 2007 no marco do programa comunitario Asia URBS, unha ferramenta comunitaria de cooperación cuxa finalidade é crear vínculos duradeiros entre ambos continentes a través do intercambio de coñecementos e experiencias en boas prácticas.

Á primeira xuntanza en Compostela seguiu en abril a visita a Santiago dunha delegación chinesa composta polo alcalde de Qu Fu, M. Jiang Cheng, e os seus directores municipais de Urbanismo, Turismo e Construción, interesados en coñecer os programas de urbanismo, rehabilitación do casco histórico e turismo que ven desenvolvendo o municipio compostelán trala súa designación como Cidade Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Nesta oportunidade, corresponde aos técnicos de Santiago e Rennes asistir en China a diversos eventos relacionados co proxecto Asia URBS Heritage, como o Comité Científico e Técnico, o Comité de Pilotaxe do primeiro seminario internacional titulado ‘Protección e valoración do patrimonio de Qu Fu: unha cooperación entre China e Europa’, o día 29, e a inauguración dunha exposición sobre o proxecto, que ocupará as murallas da cidade.

Programa dos eventos
Trala súa chegada a Qu Fu o día 26 de setembro, Candela, Gaztelumendi e Panero tomarán parte nun programa de celebracións do aniversario do filósofo Confucio, que atrae á súa cidade natal a numerosos dignitarios chineses.

O día 27 terá lugar a reunión do Comité Científico e Técnico de Asia URBS, no que se fará balance de actividades e se lerán os informes das misións participantes e dos expertos independentes. Nesta oportunidade, Francisco Candela, como xefe da misi´n compostelá, explicará as accións levadas a cabo por Santiago como socio do proxecto. Nesa mesma xornada consensuaranse o protocolo e o plan de acción para 2006, e realizaranse visitas técnicas ao xardín industrial, a universidade e ás murallas de Qu Fu, onde se inaugurará unha exposición sobre o proxecto na que estará presente Santiago de Compostela.

O mércores 28 a xornada comezará con unha cerimonia relixiosa no templo Kong de Confucio, seguida de visitas a diversos templos de Qu Fu. Pola tarde, a reunión do Comité Internacional de Pilotaxe, que inaugurará o alcalde de Qu Fu, ante os representantes municipais de Rennes e Compostela, permitirá repasar as etapas desenvoltas do proxecto, informar sobre as conclusións do comité do día anterior e asinar finalmente o protocolo Asia URBS 2005-2006.

Finalmente, o día 29 está reservado ao seminario ‘Protección e valoración do patrimonio de Qu Fu: unha cooperación entre China e Europa’, no que Candela, Gaztelumendi e Panero exporán cómo aplicar a experiencia de revalorización turística e arquitectónica de Compostela na cidade chinesa ante un público formado por axentes locais encargados de urbanismo, de patrimonio e turismo; así como representantes das embaixadas de Francia e España, da Comisión Europea e da UNESCO.

Tralo seminario e unha rolda de prensa para os medios, os participantes asistirán a unha cea oficial.

Convenio de irmanamento
A misión compostelá, ademais de afianzar os lazos de cooperación entre as Cidades Patrimonio, por unha parte, e entre Europa e Asia, por outra, encaixa tamén nos máis inmediatos obxectivos promocionais de Turismo de Santiago, que iniciou este outono unha campaña de comercialización do destino en mercados emerxentes como China, Xapón, Brasil e Estados Unidos.

En efecto, co ánimo de captar unha cota dese prometedor mercado, Compostela ven de tomar parte nas Xornadas de Comercialización de Turespaña nas cidades de Pekín, Cantón e Shanghai, celebradas entre o 11 e o 18 de setembro. Estas presentacións en China cobran especial relevancia se se ten en conta as previsións da Organización Mundial de Turismo, segundo as cales ese país se converterá en menos dunha década no terceiro emisor mundial con preto de 135 millóns anuais de viaxeiros.

Ademais, o Concello de Santiago xestionará co alcalde Qu Fu a sinatura dun convenio de irmanamento entre ambas cidades, que servirá de base para o inicio de futuras relacións comerciais e turísticas coa provincia de Shandong, de máis de 100 millóns de habitantes, e a través dela, co resto de China nun futuro inmediato.

A Universidade de Santiago de Compostela, pola súa parte, tamén encargou ao concelleiro de Turismo o inicio dos contactos coas universidades de Jinan e Qu Fu, coas que desexa estabelecer convenios de intercambios docentes.

Compartir: