PLENO

Remata a tramitación do PXOM

30/10/2008 Cos votos favorables do grupo de Goberno e o negativo do PP, quedou aprobado o texto refundido do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Queda así listo para a súa remisión á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, que o ratificará como documento incorporando a parte aprobada pola orde de 3 de outubro de 2007 e a referendada o 1 de setembro de 2008.

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicou o procedemento seguido ata o momento, que levará á entrada en vigor do PXOM vinte días despois da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Conclúe así despois de sete anos a tramitación dun Plan que fará pasar á cidade de 15 a 32 millóns de metros cadrados, dos que seis serán para solo industrial, outros tantos para vivenda e catro para dotacións.

O novo PXOM aposta pola vivenda protexida –máis do 40% das vivendas que se planean construír son protexidas– e polo solo industrial e terciario. Tamén se incide nas dotacións de equipamentos diversos e zonas verdes, cunha previsión, ao remate do plan, de corenta metros cadrados de zonas verdes por habitante.

Estudos de detalle
O Pleno municipal aprobou tamén de xeito definitivo o estudo de detalle para a instalación de ascensores na rúa de Doutor Maceira, números 6, 8, 10, 12 e 14. Estes elevadores mellorarán as condicións de accesibilidade das vivendas sen afección do espazos públicos.

Outro estudo de detalle, o do SUNP-12 de Lamas de Abade, resolve algúns problemas de rasantes, aliñamento e volumetría neste polígono de vivendas. Tamén se da solución ao emprazamento dos espazos de aparcadoiro, a fin de garantir o cumprimento global da dotación mínima. Ao igual que o estudo de Lamas de Abade, o Pleno deu o visto bo definitivo ao do SUNP-11 do Castiñeiriño, que tamén resolve cuestións de volumetría e aliñamentos, e de accesibilidade aos garaxes.

Compartir: