CULTURA

Cineuropa ofrecerá dúas noites temáticas: "A noite de Guy Maddin" e "Bye, Bye, Míster Bush"

29/10/2008 O festival Cineuropa, organizado pola Concellería de Cultura, ofrecerá na súa edición de 2008 dúas noites temáticas moi especiais. A primeira estará dedicada á actual transición política que se está a vivir nos Estados Unidos baixo o título de "Bye, bye, Míster Bush". Na segunda o protagonista será o cineasta canadiense Guy Maddin.

Con "Bye, bye Míster Bush", Cineuropa quere facer fincapé no fin de ciclo que se está a vivir nos EUA co fin do mandato presidencial de George W. Bush. Nesta sesión monográfica poderemos asistir á proxección do documental Gonzo: life and work of Dr. Hunter S. Thompson (Alex Gibney, 2008), que narra a vida dun dos pais do novo xornalismo norteamericano, inimigo declarado do Partido Republicano ata o punto de se suicidar por causa da deriva da actual administración Bush. A segunda peza da sesión será The night James Brown saved Boston (David Leaf, 2008) documental que narra como o cantante afroamericano contribuíu a calmar os disturbios acontecidos despois do asasinato de Luther King en 1968. Para finalizar a noite, Crosby, Stills, Nash & Young: Dejá Vu (Neil Young, 2008) narra a xira que realizaron os catro artistas norteamericanos para denunciar a política de Bush en Iraq.

"A noite de Guy Maddin" será a outra sesión vespertina que ofrece esta edición do festival Cineuropa dedicada a este director de culto canadiense. O pseudo-documental My Winnipeg (2007) narra a visión que o director ten sobre a súa cidade natal, unha produción que chega a Cineuropa acompañada de opinións moi positivas da crítica internacional. Xunto este filme proxectaranse tamén dúas "xoias malditas" como son The Saddest Music in the World (2003) e Dracula: Pages from a Virgin's Diary (2002).

Mostra de filmes premiados en Cannes, Berlinale e Donostia
En Cineuropa estarán presentes case todos os filmes premiados nas últimas edicións dos principais festivais internacionais de cinema. De Cannes poderemos disfrutar da gañadora da Palma de Ouro Entre les murs (Laurent Cantet, 2008), así como do Gran Premio do Xurado: Gomorra (Matteo Garrone, 2008), e do premio ao mellor director Nure Bilge Ceylan por Üç maymun / Three monkey (2008)

Do Festival de Cinema de San Sebastián teremos tamén unha boa mostra do palmarés da edición de 2008. Comezando pola gañadora da Cuncha de Ouro, a coprodución Pandoranin Kutusu / Pandora´s Vox (Yesim Ustaoglu, 2008) que tamén recibiu o premio da Cuncha de Prata á mellor actriz. Asimesmo poderemos asistir ao premio ao mellor director que foi para Michael Winterbottom por Genova (2008) e ao Premio Especial do xurado que recaeu na iraniana Asbe du-pa / Two legged horse (Samira Makhmalbaf, 2008). Tamén da última edición da Berlinale chegarános o premio ao mellor guión Zuo Yuo / In Love We Trust (Xiaoshuai Wang, 2007).

Cineuropa chega á súa XXII edición convertindo Compostela na capital do cine independente, social e de autor. No programa do festival, que se estenderá do 3 de novembro ao 3 de decembro, inclúense 250 títulos, a cifra máis alta da historia do certame.

Compartir: