INFRAESTRUTURAS

Os accesos á cidade seguirán o modelo de Mestre Mateo

29/10/2008 Os técnicos municipais reuniranse en breve cos equipos redactores dos proxectos de reurbanización das vías de acceso á cidade. Segundo anunciou o concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, o obxectivo desta xuntanza será indicarlles que, á marxe das peculiaridades de cada unha das travesías, o modelo a seguir será o da rúa Mestre Mateo.

Adxudicada a redacción destes proxectos, estes deberán estar listos en decembro, co obxectivo de que se poidan licitar algunhas das obras nos primeiros meses de 2009. Recibidos os proxectos, o Concello decidirá cales son as obras que se executan en primeiro lugar. A previsión é que se poidan acometer as obras en dúas travesías simultaneamente.

A obra que non irá entre as primeiras é a que irá dende Rosalía de Castro ata Volta do Castro, xa que non se considera aconsellable que coincida coas obras do túnel do Hórreo. En calquera caso, o que si se fará é adiantar a colocación dunha pantalla á entrada desta vía, despois da ponte da Rocha, na que se informará sobra a situación do tráfico e vías alternativas. Unha pantalla semellante colocarase no Romaño con motivo da reurbanización desta travesía ata a confluencia coa avenida de Castelao.

Sobre as singularidades que haberá que ter en conta nalgunha das obras, Bernardino Rama puxo como exemplo o tramo de Galeras, onde a proximidade ao centro histórico, fará que se opte por uns materiais semellantes aos empregados na urbanización xa feita en torno ás vivendas da zona. Estas e outras singularidades, tomando como base o modelo de Mestre Mateo, quedarán recollidas nuns proxecto a cuxa redacción o Concello destinou 753.000 euros.

Cómpre lembra que os tramos que se reformarán, integrados no chamado convenio de travesías asinado coa Consellería de Política Territorial son: dende a avenida de Castelao ata a Ponte do Romaño, a avenida de Castelao, a rúa Galeras-Salvadas-Vista Alegre ata o cruce coa avenida de Castelao, Rosalía de Castro dende Romero Donallo-Santa Marta-Choupana-Volta do Castro, e o tramo Fonte dos Concheiros-rúa das Fontiñas, rúa do Valiño.

As actuacións de mellora inclúen unha nova pavimentación rodada, a construción e acondicionamento das beirarrúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a implantación de servizos urbanísticos e a dotación de mobiliario urbano.

Túnel do Hórreo
Sobre as obras no túnel da Galuresa, o concelleiro de Infraestruturas anunciou que a parte importante comezará na segunda semana de novembro "coa pilotaxe en torno á mediana dende a confluencia co Hórreo". Isto obrigará xa a cortar a circulación nalgún carril. O Concello anunciará a reorganización do tráfico nesta zona en canto Fomento comunique o seu plan de cortes nesta área.

Outras actuacións en marcha
Bernardino Rama fixo un repaso tamén a outras actuacións en marcha da súa Concellaría. Así, indicou que xa está case rematada a reurbanización da rúa Pilar Miro, na que se investiron 327.000 euros. Estanse a colocar unhas varandas nas escaleiras para facilitar o acceso peonil das persoas maiores. Logo do pintado, daranse por finalizadas as obras.

Tamén se está a traballar en Fonte do Ouro co remate da beirarrúa. Ademais, solicitarase autorización para habilitar unha ponte peonil a carón da actual, para que o tráfico de vehículos e de peóns vaia por separado. Contase con que esta primeira fase da reforma de Fonte do Ouro estea rematada en decembro e que a segunda fase sexa encargada en novembro.

Finalmente, Rama referiuse ao programa de obras de reposición do pavimento en diversas rúas da cidade e de limpeza e desbroce de cunetas das pistas do rural. Estas dúas actuacións supoñen un investimento de máis de 400.000 euros.

Algunhas das rúas afectadas por estas melloras son: Sánchez Freire, García Prieto, Vilagarcía, praza de Vigo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Montero Ríos, Xeneral Pardiñas (entre Montero Ríos e Carreira do Conde), República Arxentina, A Rosa ou San Pedro de Mezonzo (entre A Rosa e República Arxentina). No caso do rural, o obxectivo é eliminar a proliferación de maleza nas pistas debida ás condicións climáticas.

Compartir: