MEDIO AMBIENTE

Os alumnos do curso de soldadura da forGA doan unha estatua de Castelao á cidade de Santiago

28/10/2008 A concelleira do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel, Elvira Cienfuegos, participou no acto de doazón ao municipio de Santiago dunha escultura da figura de Castelao, situada no Parque de San Lázaro. O evento foi organizado pola delegación en Compostela da Fundación para a Orientación Profesional, a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, o Emprego e a Formación en Galiza (forGA).

A concelleira quixo agradecer a doazón do alunado da forGA e manifestou a súa satisfacción por "poder desfrutar en Compostela desta preciosa escultura, dunha estética realmente fermosa" e "en nome do Concello de Santiago, sentímonos moi honrados en poder expoñela nun espazo que está chamado a ser moi transitado, e que no futuro gozará de novos equipamentos".

Elvira Cienfuegos aproveitou tamén para lembrar a figura de Castelao coma "o galego máis importante do século XX, que soubo elevar a nosa autoestima de sermos galegas e galegos". Unha figura moi importante na nosa historia colectiva que "se pode considerar como un adiantado ao seu tempo, que protagonizou a campaña polo SI ao Estatuto do 36, que a pesar de ser aprobado non puido poñerse a funcionar".

Dous metros de alto
A concelleira do Medio Ambiente parabenizou aos alumnos da forGA, e tamén particularmente ao seu profesorado "non só polo resultado senón tamén pola elección do motivo" unha figura de 2 metros de alto que "aínda que non se corresponde coa talla real de Castelao resulta pequena diante da talla intelectual de quen foi: escritor, médico, debuxante, artista, caricaturista e político".

A escultura doada foi elaborada polo alumnado deste curso de Formación Profesional Ocupacional de "Soldador/a de Estructuras Metálicas Lixeiras", que se corresponde cunha acción formativa de 1.015 horas de duración. A finalidade práctica da obra era comprobar a reacción dos metais coa temperatura e o uso da técnica de corte oxiacetilénico.

A elaboración da peza foi realizada durante aproximadamente tres meses de preparación, pesa 192 kg e mide 2 metros de alto por 1 metro de ancho. Está feita con aceiro ao carbono en chapa de 10 mm de grosor. Como detalles técnicos destaca que se realizou o corte por oxiacetilénica a temperatura de 1.000º usando gas acetileno e osíxeno, e que se utilizaron dous procesos na soldadura, eléctrodo para aceiro ao carbono con revestimento e eléctrodo continuo con protección de gas (MAG). No remate aplicóuselle un tratamento para a oxidación con un reactivo biolóxico (fentón) e acabouse cunha capa de verniz máis catalizador.

Compartir: