XUNTA DE GOBERNO

Melloras nas redes de saneamento e abastecemento da rúa Ricardo Carvalho Calero e en Vidán

28/10/2008 Entre os acordos da Xunta de Goberno do martes 28 de outubro destacan, entre outros, a aprobación de obras de abastecemento e saneamento nas rúas Carvalho Calero en Vidán, a posta a disposición do Ministerio de Vivenda dos terreos e instalacións para a realización da obra de remodelación da Praza de Abastos, ou o reparto de máis de 260.000 euros entre os clubs federados da cidade.

A Xunta de Goberno aprobou o proxecto e iniciou a contratación das obras de rehabilitación da rede de saneamento da rúa Ricardo Carvalho Calero e das de ampliación do cinto de abastecemento en Vidán, por un total de 296.876 euros.

No caso da rúa Ricardo Carvalho Calero estableceuse un tipo de licitación de 186.582 euros. En Vidán, o orzamento previsto é de 110.294 euros.

Mercados
Outro dos acordos do Goberno local foi o de por a disposición do Ministerio de Vivenda os terreos e instalacións da Praza de Abastos de Santiago, dos que o Concello ten o pleno dominio, para a execución das obras incluídas no proxecto de remodelación da praza, redactado por Francisco José Vidal.

Despois deste trámite administrativo xa pode asinarse o convenio, tras o cal o Ministerio pode licitar as obras, que permitirán remodelar este mercado sen que deixe de funcionar. A intervención inclúe un edificio de nova planta, a mellora das comunicacións interiores, o acondicionamento da nave na que se ubicará o supermercado e o tratamento exterior e interior das naves, entre outras actuacións.

Nestas obras investiranse 5.061.288 euros, dos que 2.530.644 serán achegados polo Ministerio de Vivenda, 1.394.358 polo Concello e 1.136.285 pola Consellería de Industria. Da cantidade prevista para a actuación, 2.619.551 euros corresponden á anualidade 2008 e 2.441.737 ao 2009.

Festas e Educación
En materia de Festas, a Xunta de Goberno aprobou o prego para a contratación do arrendamento de carrozas para a Cabalgata de Reis 2009. Destínase un investimento de algo máis de 46.759 euros a catro carrozas para a cabalgata xeral e a outras tres de fantasía.

Tamén para a época de Nadal, pero convocado pola Concellería de Educación, apróbase a realización dunha nova edición do concurso de carteis para o programa de Nadal 2008, cun orzamento de 5.774 euros. Está dirixido a todos os escolares de educación infantil e primaria do municipio. O seu obxectivo é elixir o cartel que anuncia as festas do Nadal, así como os debuxos que ilustran o programa de man editado con este motivo.

Ademais, aprobouse a realización da XVI dos premios Vagalume e un orzamento para os mesmos de 4.572 euros. Estes galardóns recoñecen o traballo de colectivos ou persoas individuais que desenvolvan as súas actividades cunha clara vocación social. Entrégase un premio individual e outro colectivo.

Finalmente, deuse conta da concesión dunha serie de actuacións musicais e teatrais dentro da Rede Cultural da Deputación. Este acordo permite que os rapaces composteláns poidan asistir a diversas actividades, como o XXV Programa de música e teatro para grupos non profesionais, o II Programa para compañías de danza profesionais, o XXI Ciclo de música clásica para intérpretes profesionais ou o XX Programa de teatro e títeres para compañías profesionais.

Deportes
A proposta da Concellaría de Deportes, aprobouse a concesión de subvencións destinadas ao fomento do deporte federado do ano 2008 por un valor total de 262.999 euros. Ata 48 clubs beneficiaranse destas axudas.

Destacan pola súa contía as subvencións concedidas a clubs coma o C.D. Conxo (34.627 euros), o C.B. Cluny (25.000 euros), o Santiago de Compostela C.F (18.344 euros) ou o C.D. Fontiñas (10.259 euros).

Tamén no ámbito dos Deportes, adxudicouse provisionalmente tanto a dirección facultativa como a de execución das obras de construción dun pavillón polideportivo en Fontiñas, por importe de 48.024 e 48.087 euros, respectivamente.

Benestar Social
En Benestar Social, deuse conta da concesión pola Deputación da Coruña dunha subvención de 41.978 euros para a "Acción educativa na rúa e familias en situación de ruptura". O principal gasto desta iniciativa consiste na contratación de tres psicólogos e dous educadores sociais.

Promoción Económica
A proposta da Concellería de Promoción Económica, deuse conta da concesión pola Unión Europea de 46.137 euros para o proxecto Leonardo "Axudantes Familiares. Este proxecto que ten como obxectivo establecer un protocolo común a nivel comunitario para acreditar profesionalmente ao coidador familiar e favorecer así a súa inserción laboral.

Documentos relacionados



Compartir: