DEPORTES

Preto de 7.000 participantes nunha Carreira Pedestre dominada polos atletas africanos

26/10/2008 O atleta keniano David Kilel foi o gañador da XXXI Carreira Pedestre Popular Camiño de Santiago, celebrada na mañá do domingo 26 de outubro polas rúas compostelás. Na categoría feminina a triunfadora foi outra keniana, Gladys Cherono.

A concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano fora a encargada de dar a saída a unha proba que, como cada ano, botou á rúa a milleiros de composteláns, para correr ou simplemente para presenciar a competición. Nesta edición participaron preto de 7.000 atletas, nunha xornada caracterizada polo bo tempo e polo dominio, no eido competitivo, dos corredores africanos.

Despois da entrega de premios, o Concello ofreceu unha recepción á organización da Carreira. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, referiuse ao organizador da proba, o Grupo Correo Gallego, recordando que "leva 70 anos medrando coa cidade; neste tempo fixéronse proxectos importantes que tiveron continuidade no tempo, como esta carreira". Pola súa parte, o presidente do Consello de Administración do Grupo Correo Gallego, Antonio Castro, agradeceu ao Concello o seu apoio á proba.

Compartir: