TURISMO

Unha representación do Camiño de Kumano visita Santiago

24/10/2008 Unha representación de cidade xaponesa de Tanabe chegará o sábado 25 a Santiago de Compostela. O luns 27, o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e a concelleira de Turismo Tanabe, Noriko Tada, asinarán no Pazo de Raxoi un protocolo de colaboración de promoción conxunta, apoiándose no feito de que o Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano son os únicas rutas de peregrinación declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

No ano 2008 celébrase o décimo aniversario da irmandade dos camiños de Santiago e Kumano. A sinatura do protocolo de colaboración entre as entidades de promoción turística de Santiago e Tanabe celebrará este aniversario e posibilitará unha relación máis profunda entre ambas cidades, fomentando o intercambio de coñecemento e experiencias na promoción turística, a búsqueda de novas formas de promoción conxunta e o fortalecemento das relacións.

O programa de actividades organizado por Turismo de Santiago para os representantes de Tanabe inclúe unha ruta polo Camiño de Santiago dende Sarria, unha visita guiada pola Cidade Histórica na que se lles ensinará os principais monumentos de Santiago, unha visita ás cubertas da Catedral, unha visita guiada ao Museo das Peregrinacións e outra ao Mercado de Abastos.

O martes 28, Turismo de Santiago e a representación de Tanabe desprazaranse a Madrid, onde o mércores 29, na Casa de Galicia, farán unha presentación conxunta das súas cidades. Está será xa unha das actividades concretas nacidas a partires do protocolo de colaboración que se asinará o luns.

Camiño de Kumano
No ano 2004, o Camiño de Kumano, xunto con Koyasan, Yoshino e Omine, foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO por ser os "lugares sacros e os camiños de peregrinaxe nas cordilleiras da montaña Kii". O Camiño de Kumano, ubicado no sur da Península Kii, é unha antiga ruta de peregrinaxe que une as resións de Kumano, Kyoto, Ise, Koya e Yoshino. Tanabe é onde se atopa o principal santuario de Camiño de Kumano.

Na cultura nipona, a rexión de Kumano é unha terra sacra, bañada polo mar que limpa a corrente Negra, á que se chega tras atravesar cadeas de escarpadas montañas. A tradición conta que o ser humano transfórmase en antepasado e, despois de purificado, chega a ser deus. Có paso dos anos, orixinouse a crenza de que indo á rexión de Kumano podía atoparse aos espíritos dos mortos.

Tanto os deuses-antepasados coma os demáis deuses do panteón sintoista de Xapón moran na natureza. Por iso, en Kumano enraizouse dende antigo a veneración pola natureza: non so o propio edificio debe ser comprendido como templo e lugar sacro, senón todo o territorio de bosques e montañas no que se atopa.

Deste modo xurdiu Kumano Sanzan, o conxunto dos tres santuarios principais do Camiño de Kumano: Kumano Hongu, Kumano Hayatama e Kumano Nachi Taisha, unidos pola ancestral ruta de peregrinaxe. O santuario de Kumano Hongu atópase en Hongu, unha das pequenas vilas da cidade de Tanabe. Trátase do máis importante dos tres santuarios, e alí os peregrinos fan ritos de purificación no lexendario manantial de Yunomine Onsen, de proverbias efectos curativos.

A tradición sitúa a construción dos tres santuarios antes da época do emperador Suiko, que vivíu entre os anos 554 e 628. O Camiño de Kumano, como o Camiño de Santiago, non ten perdido o seu atractivo a través dos séculos, e hoxe en día continúa sendo unha ruta seguida por miles de persoas.

Compartir: