AUDITORIO

A Real Filharmonía de Galicia retoma os seus concertos didácticos no Auditorio

24/10/2008 Os días 29 e 30 de outubro, a Real Filharmonía de Galicia inicia a súa temporada de concertos didácticos no Auditorio, como unha forma diferente de aproximar a música clásica aos máis pequenos da cidade e da bisbarra.

Para a ocasión, o mestre Maximino Zumalave preparou unha serie de programas orientados a diferentes franxas de idade e pensados para o coñecemento global do mundo da música sinfónica, dos diferentes instrumentos que compoñen unha orquestra e dos múltiples estilos e compositores. Así, os programas inclúen pezas orquestrais da Cenerentola, de Rossini, a Historia de Babar e unha sinfonía de Haydn, co que se conmemoran os 200 anos da morte do mestre do clasicismo vienés.

Aos concertos, que xa son unha tradición na programación cultural de Santiago, están confirmados que se acheguen non só colexios da cidade, senón tamén dos concellos limítrofes e doutros máis afastados. A programación didáctica integra visitas guiadas e concertos para escolares, e pon á súa disposición unidades didácticas para traballar na aula previamente.

Contos para nenos
Os concertos pedagóxicos inícianse coa Cenerentola, de Rossini, para rapaces de Primaria. Con ela poderán observar a mestura no escenario entre canto, música e narración, á vez que se sentirán familiarizados coa peza que Rossini compuxo baseándose no conto da Cincenta, de Perrault. A sesión servirá ademais para realizar a gravación en vivo dun disco que acompañará a unha nova versión en galego do popular conto de Perrault.

Outros programas
Máis adiante, en decembro, os máis cativos asistirán á Historia de Babar, grazas á música que Poulenc compuxo para este conto ao redor da figura do elefantiño que chegou a ser rei.

Por último, en xaneiro, a orquestra homenaxea a Haydn no 200 aniversario da súa morte. Deste xeito, tocarase a Sinfonía número 82, coñecida coma O Oso, debido á evocación que da danza deste animal faise no seu último movemento.

Compartir: