CONSORCIO

Presentados 37 proxectos ao Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana 2008

24/10/2008 O proxecto gañador do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana 2008 coñecerase o martes 28 de outubro, tras xuntanza do xurado presidido polo arquitecto Xerardo Estévez. A esta segunda edición presentáronse un total de 37 proxectos de 12 países latinoamericanos, 13 proxectos máis que na anterior.

A distribución dos proxectos presentados por países na presente edición é a seguinte: Bolivia, 1; Brasil, 5; Colombia, 3; Cuba, 1; Chile, 2; Ecuador, 6; Honduras, 3; México, 6; Nicaragua, 1; Perú, 4; Uruguai, 4; e Venezuela, 1. Todos eles optan a un Premio que pretende recoñecer e estimular iniciativas públicas de creación e recuperación de ámbitos de cohesión nas cidades históricas de América Latina a través da transformación e mellora de espazos urbanos.

Dotado con 180.000 euros, o Premio está a fomentar proxectos urbanos aínda non executados, tanto de nova creación como de remodelación, rehabilitación ou restauración, a desenvolver nas cidades históricas dos países latinoamericanos. A importante participación rexistrada nesta segunda convocatoria demostra que o premio está plenamente consolidado.

Entre os criterios que o xurado terá en conta á hora de seleccionar o proxecto gañador, non só figuran os relacionados coa calidade desde un punto de vista estritamente arquitectónico ou urbanístico, senón que se terá en conta a súa incidencia social nos ámbitos referidos a unha maior calidade de vida das persoas, as melloras ambientais ou os proxectos que aseguren o equilibrio entre tradición e innovación urbanística.

As propostas gañadoras, as finalistas e unha selección dos proxectos presentados conformarán, de acordo coas bases do concurso, o Arquivo Compostelán de Cooperación Urbana, recompilación elaborada para ampliar a súa repercusión e divulgación. Este arquivo estará a disposición pública na sede do Consorcio de Santiago, podendo ser utilizado polos participantes de cada convocatoria. Trátase non só de establecer unha liña de cooperación ao desenvolvemento, senón tamén de contribuír á xeneralización das boas prácticas en materia de renovación urbana

O Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana é convocado polo Consorcio de Santiago, co apoio loxístico da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) do Ministerio de Asuntos Exteriores e da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia. Cómpre lembrar que o gañador da primeira edición foi un proxecto municipal de intervención no espazo público da praza de San Esteban no centro histórico de San Salvador.

Compartir: