TURISMO

O Teatro Principal acolle a Gala de Clausura da V Edición de Curtocircuíto

23/10/2008 O Teatro Principal acolle o venres 24 mañá, ás 21:00 horas, a Gala de Clausura da V Edición do Festival Internacional de Santiago de Compostela, Curtocircuíto, na que se coñecerán os nove gañadores dos premios. Coa Gala péchase o programa más amplo dos realizados ata o momento. Proxectáronse 259 curtas, procedentes de 40 países, escollidas entre as 2.558 que se presentaron ao concurso procedentes de 93 países.

Na Semana Oficial de Curtocircuíto, organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo e a Concellaría de Cultura, proxectáronse 147 curtas, que se puideron ver gratuitamente no Teatro Principal. Nos once programas paralelos, que tamén foron de entrada gratuíta e tiveron lugar no CGAC e na Facultade de Filosofía, proxectáronse outras 112 curtas.

No programa de Curtocircuíto, ademais das proxecións da Semana Oficial e dos programas paralelos, tamén se desenvolveron actividades para achegar o mundo das curtametraxes a diferentes públicos, como a exposición Animarte, que tivo lugar na Zona C.

Celebrouse o III Mercado Internacional de Curtametraxes, un espazo onde profesionais do sector da distribución audiovisual poden acceder ao catálogo de Curtocircuíto e mercar os dereitos de emisión das curtas que lles interesen. Este ano participaron 129 profesionais procedentes de 15 países. Uns datos que amosan a importancia do Festival para produtores e directores, xa que poden poñer directamente as curtas a disposición dos compradores.

Tamén comezou o programa "As Grandes Curtas", en colaboración coa a Secretaría Xeral de Benestar da Xunta, no que participan 540 persoas maiores de todo o país, repartidos en xornadas de 60 participantes cada unha delas. Para nenos e nenas desenvolveuse un obradoiro formativo no que puideron rodar unha curtametraxe. Ademais, desenvolvéronse obradoiros para profesionais, como o de Estereoscopía e o de Son.

Compartir: