TURISMO

Santiago mantén as pernotacións do ano 2007 malia a situación de crise económica internacional

23/10/2008 O número de pernoctacións nos nove primeiros meses de 2008 en Santiago foi de 886.182, fronte ás 888.646 dos primeiros nove meses do 2007, segundo os datos do INE. Con estes datos, Santiago mantén as pernotacións de 2007 malia a situación de crise económica internacional.

Os resultados danse sobre a base do 2007, no que a cidade foi o destino urbano con maior crecemento do conxunto de España, cunha subida do 13,82%. Respecto dos nove primeiros meses do ano 2006, Santiago medra un 10,78%. Hai dous anos o número de pernotacións ata setembro fora de 799.978.

Santiago é un dos destinos con mellores datos tanto das Cidades Patrimonio como das cidades da España Verde que teñen características similares a nosa cidade. As únicas cidades que crecen en ambos grupos son Segovia, cun 1,52%, Toledo, cun 0,96%, e Cáceres, cun 0,21%. Santiago ten unha baixada técnica dun 0,28%. Hai que ter en conta que, mentres Santiago chega case as 900.000 pernotacións nos nove primeiros meses do ano, Segovia acumula 266.000, Toledo 567.000 e Cáceres 260.000.

No mes de setembro incrementouse a tendencia decrecente do mes de agosto no conxunto do Estado, debido a crise económica internacional e ao entorno de incertidume, que está a afectar a todos os sectores e tamén ao turístico. No mes de agosto as pernotacións reducíronse un 0,6% respecto do mesmo mes do 2007. No mes de setembro a redución foi do 2,8%. A crise está afectar especialmente aos destinos urbanos do norte de España. Santiago baixou un 13,27%, Vitoria un 9,82%, Bilbao un 5,48%, Santander un 12,68% e A Coruña un 15,33%. Galicia baixou un 9,17% e a provincia da Coruña un 16,52%. Estes datos tradúcense para o España nunha baixada na tasa de ocupación por habitación de 4,5 puntos porcentuais. Santiago sitúase nesta media, cun descenso de 4,94 puntos.

Turismo de Santiago, como xa fixera público en referencia aos datos de agosto, considera que a situación turística seguirá nun marco difícil mentras prosiga a crise económica. Neste contexto, está a traballar en diferentes ámbitos, como a elaboración do novo Plan Estratéxico ou as liñas estratéxicas do Turismo de Incentivos e do Turismo Creativo, presentadas recentemente.

A curto prazo duplicará o orzamento do Plan de Desestacionalización, xa que se considera que nos momentos de dificultade é cando se debe facer un maior esforzo na promoción da cidade. O Plan de Desestacionalización, Santiago Repetirás, presentarase o 31 de outubro e desenvolverase durante cinco meses, dende o 1 de novembro ata o 31 de marzo. Ata o momento xa está confirmada a presenza do dobre de touroperadores que no 2007. Este ano farase un esforzo de promoción nos principais mercados internacionais conectados co aeroporto: Londres, París, Roma e Franfurt. O obxectivo é fomentar os shortbreaks, ou escapadas, apoiándose na competitividade da pranta hoteleira da cidade e da oferta gastronómica.

Compartir: