PROMOCIÓN ECONÓMICA

Constituídos os subgrupos de traballo do proxecto WEED

22/10/2008 O Grupo de Apoio Local do Proxecto europeo WEED (Muller, Empresa e Emprego no Desenvolvemento Local), desenvolvido pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, un encontro no Auditorio de Galicia no que se constituíron tres subgrupos de traballo, estableceuse un calendario de reunións e deuse conta do desenvolvemento da solicitude do proxecto.

O principal obxectivo do WEED, enmarcado no proxecto URBACT II, é sacar conclusións das boas prácticas e da experiencia deste programa e axudar aos implicados na política cidadá, usuarios e responsables de programas a implementar accións e ideas que, de xeito activo, traten de mellorar o rendemento político, técnico e de xestión das cidades en relación coas cuestions relativas a: situación das mulleres nos mercados de traballo, as mulleres e a economía cognitiva e as mulleres e a actividade emprendedora.

Para a consecución destes obxectivos, o proxecto necesita da colaboración dun Grupo de Apoio Local en cada unha das cidades participantes. O Grupo de Apoio Local constituído en Santiago no mes de setembro, integra a todos os axentes da cidade relacionados cos ámbitos do desenvolvemento local: Xunta de Galicia, administracións, empresas, sindicatos, universidade, ONGs, asociacións, etc. A misión do Grupo de Apoio Local será a de colaborar coa Concellaría para deseñar as liñas de actuación específicas a desenvolver na cidade, dependendo das características locais.

Estas liñas de actuación integraranse no Plan de Acción Local. Para a formulación destas liñas de actuación, o Grupo de Acción Local dividuse en tres subgrupos. O primeiro é o de Traballo e empregabilidade, no que están presentes empresarios e sindicatos a través da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre (AEPIT), UXT, CIG e Comisións Obreiras. O segundo é o de Innovación e economía do coñecemento, no que está presente a Consellería de Innovación e Industria, a AEPIT, e persoas expertas en muller e igualdade. No terceiro, Emprendemento e empoderamento económico, está presente a USC, a AEPIT, e a Consellería de Innovación e Industria.

No encontro tamén se estableceu un calendario de traballo. A finais do 2008 e durante o 2009 desenvolveranse distintas sesións dos tres subgrupos de traballo para ter redactado, no último trimestre do 2009, o Plan de Acción Local. No 2010 está prevista a elaboración de proxectos derivados dese plan e a súa implementación a nivel local.

O proxecto WEED ten unha duración de 30 meses, dende marzo do 2008 ata setembro do 2010. Na iniciativa participan nove socios pertencentes a seis países, incluída a Concellaría de Promoción Económica. Os outros socios son as cidades de Celje en Eslovenia, que é o socio principal; Alzira, en Valencia; Enna e Crotone, en Italia; Umea, en Suecia; Karvina, na República Checa; Amiens, en Francia; e Skaarbeck, en Bélxica. Para a fase de reflexión e articulación das liñas estratéxicas e do proxecto teórico hai un orzamento de 670.000 euros (para todas as cidades participantes) Esta cantidade está cofinanciada nun 75% pola Comisión Europea e no 25% restante polas cidades participantes.

Compartir: