BENESTAR SOCIAL

O Concello colabora coa Fundación Secretariado Xitano na posta en marcha dun programa de inserción laboral

22/10/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o director da Fundación Secretariado Xitano, Isidro Juan Rodríguez Hernández, asinaron no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración en virtude do cal a entidade municipal achega á ONG 19.700 euros para o desenvolvemento das actividades enmarcadas dentro do programa Acceder, dirixido á poboación xitana do municipio de Santiago de Compostela.

Sánchez Bugallo recalcou a importancia da inserción laboral do colectivo xitano e as dificultades que este atopa, especialmente no caso da muller. Ademais, referiuse ao labor de integración que dende hai anos se vén realizando na cidade. "Estamos contentos de non terlles buscado un lugar específico, senón de integralos en distintos puntos da cidade, e hoxe non hai problemas globais de convivencia".

Pola súa parte, Isidro Rodríguez agradeceu a colaboración do Concello nun programa que "incide no emprego, aspecto fundamental para o futuro dos xitanos". Expresou a necesidade de "dar oportunidades de acceso ao mercado laboral", algo para o que a educación tamén é unha ferramenta clave. Neste sentido, a concelleira de Benestar Social, Mar Martín, resaltou a diminución dos niveis de absentismo escolar entre este colectivo rexistrado no último curso.

O programa Acceder busca impulsar o acceso da comunidade xitana á formación e ao emprego normalizados, a través da posta en marcha de dispositivos adaptados e integrados de emprego. En 2007, grazas a este programa conseguíronse 56 contratacións, a maioría de mulleres.

Os obxectivos xerais de Acceder son a creación dun espazo de inclusión social e de inserción laboral de carácter intercultural, ademais da cualificación profesional e o acceso da poboación a empregos por conta allea. Incídese tamén no achegamento e adaptación dos servizos xerais de formación profesional e emprego ás persoas desempregadas para garantir o acceso, e na intermediación laboral, investigando as necesidade de man de obra (no mercado de baixa cualificación) das empresas da cidade e da comarca, e adaptando as cualificacións da poboación a esa demanda. Finalmente, trabállase na sensibilización sobre os prexuízos e prácticas discriminatorias das que os xitanos e xitanas son vítimas, así como a mellora progresiva da súa imaxe persoal.

Para a posta en marcha do programa deseñaranse itinerarios integrados de inserción laboral, que inclúen medidas de información, orientación, asesoramento socioprofesional, preformación e formación profesional, así como fórmulas específicas de intermediación laboral. Dedicarase un especial esforzo ao desenvolvemento e fomento de novas ocupacións e empregos no sector dos servizos de proximidade.

A intervención articularase en torno a tres grandes eixos:
- Socio-laboral: mobilización das persoas para mellorar a súa empregabilidade mediante unha axeitada acollida, diagnóstico e xestión dos itinerarios individuais.
- Formación: xestión do acceso aos recursos de formación ocupacional e creación de novos escenarios adaptados de formación-emprego.
- Emprego: prospección, acompañamento e seguimento do emprego. Identificando o achegamento entre ofertas e demandas e a intermediación co tecido económico e empresarial.

Os tres eixos anteriores concrétanse nas seguintes accións:

1. Orientación, formación e inserción laboral
• Acollida e información a través dun primeiro itinerario
• Orientación e seguimento: elaboración dun diagnóstico individual e realización de titorías encamiñadas a orientación laboral e das actividades formativas.
• Derivación e seguimento de accións formativas normalizadas.
• Posta en marcha de actividades de preformación e formación profesional específica para a poboación xitana

2. Prospección e intermediación no mercado de traballo
• Realización de estudios prospectivos e captación de ofertas de traballo ofrecendo un dispositivo de intermediación ás empresas
• Apoio á contratación, facilitando información e asistencia técnica
• Acompañamento ao mercado de traballo.
• Creación de iniciativas empresariais de carácter social, en particular empresas de inserción.

3. Apoio a emprendedores
• Motivación para o traballo autónomo e a creación de empresas mediante medidas de información, formación e asesoramento.

4. Accións de sensibilización
• De cara á sociedade en xeral, sobre todo ao mundo empresarial e aos dispositivos de formación e emprego.
• De cara á poboación xitana para fomentar a importancia da formación e o emprego.

Para o desenvolvemento das actividades previstas, Raxoi achega a cantidade de 19.700 euros. O Concello de Santiago de Compostela e a Fundación Secretariado Gitano, en consonancia coa filosofía da diversidade, da igualdade social e da integración, teñen o propósito de dar estabilidade á colaboración que se vén producindo de maneira continuada entre ambas as dúas entidades, dado que a complexidade dos problemas sociais require da implicación de distintos colectivos no camiño de conseguir a xustiza e a igualdade social.

Compartir: