ALCALDÍA

Sánchez Bugallo afirma que os orzamentos autonómicos supoñen "unha aposta importante pola cidade"

22/10/2008 "Todos os compromisos coa cidade están contemplados cunha partida económica razoable e suficiente", afirmou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, a propósito dos orzamentos da Comunidade Autónoma. Neste sentido, indicou que "a inversión per capita en Santiago é moi superior á media do resto das cidades galegas".

Sánchez Bugallo expresou a súa "satisfacción" cuns orzamentos que, dixo, son "unha aposta importante pola cidade", tanto polas cantidades expresamente dedicadas como por outras contidas en partidas xeralistas. En particular, destacou polo seu montante, as cantidades destinadas á Cidade da Cultura, 55 millóns de euros, e ao Parque Empresarial da Sionlla, 12 millóns. Sobre a primeira, incidiu en que con outras achegas complementarias o investimento será maior incluso e, sobre o parque, recordou que esta cifra é a parte proporcional dun investimento autonómico que entre 2009 e 2010 alcanzará os 37 millóns de euros.

No ámbito da Educación, o alcalde referiuse ao investimento no novo colexio Ramón Cabanillas, cuxas obras xa están en marcha. Tamén destacou a partida para a remodelación integral do Quiroga Palacios, que dobrará a súa capacidade e transformará o Politécnico.

No caso da Escola Oficial de Idiomas, aclarou que, se ben non aparece recollida unha partida específica, este é un compromiso asumido pola Consellería de Educación, que nestes intres está estudando a ubicación nalgunha das dúas parcelas que o Concello de Santiago lle ofreceu en Santa Marta. O obxectivo é tramitar a cesión da parcela nuns tres ou catro meses, para a continuación encargar o proxecto. Deste xeito, indicou Sánchez Bugallo, "a parte principal da inversión irá no orzamento de 2010".

En canto á Sanidade, e malia tampouco ter una partida individualizada, Sánchez Bugallo apuntou que si se inclúe nos orzamentos a parte prevista para o centro de saúde do Centro Histórico. Ademais, lembrou que xa está cedida a parcela e redactado o proxecto, co fin de que a obra poida saír a licitación mesmo antes de que remate 2008. Sumados outros proxectos, o investimento da Consellería de Sanidade en Santiago está cifrado en algo máis de 8 millóns de euros.

Tramo do periférico entre Roxos e Pardiñas
Entre outras partidas, o alcalde destacou especialmente a destinada á ronda oeste do periférico no seu primeiro tramo, entre Roxos e Pardiñas. Apuntou que o Plan de Accesos a Santiago contempla a execución en anos sucesivos do tramo entre a autopista AP-9 e a N-550 e do comprendido entre o Polígono do Tambre e a estrada de Santa Comba, co obxecto de ter lista esta circunvalación no período 2020-2022. En materia de infraestruturas tamén se contemplan 3 millóns de euros para o convenio de travesías.

Outros investimentos recollidos nos orzamentos da Comunidade Autónoma e destacados polo alcalde son a dotación para o Consorcio, distintos edificios administrativos autonómicos, o Instituto de Medicina Legal, a ampliación dos xulgados ou o edificio da sede de Portos de Galicia. Á vista de todos eles, Sánchez Bugallo declarouse "satisfeito, sen prexuízo de que todos queremos máis e de que se poida incorporar algunha partida non individualizada, como a do Parque Tecnolóxico". Esta infraestrutura está pendente da aprobación definitiva do Plan Parcial da zona, que irá ao Pleno en novembro".

Finalmente, e a propósito do remate do Parque de Bombeiros, indicou que esta é unha cuestión que está pendente de ratificar en dous convenios coa Xunta e coa Deputación da Coruña: o que reflectirá a asunción dos gastos de persoal ata 2011 e outro para o remate do edificio. Ambos poderían estar listos antes de final de ano e, en calquera caso, garantiu que haberá fondos das dúas institucións en 2009 para este compromiso.

Compartir: