CULTURA

Eleccións ao Consello de Compostela Cultura

21/10/2008 O martes 21 e o mércores 22 de outubro, a Concellaría de Cultura organiza as eleccións para elixir os representantes das entidades que estarán representadas no Consello de Compostela Cultura. As candidaturas presentadas, na altura, e o censo electoral poden ser consultados nas webs santiagodecompostela.gal e compostelacultura.org.

O horario electoral será o seguinte:

21 de outubro:
• Ás 20:00 h, Sala Mozart do Auditorio de Galicia, Asociacionismo Cultural.
• Ás 20:00 h, Sala Circular do Auditorio de Galicia, Industrias Culturais.
• Ás 20:00 h, no Centro Sociocultural do Ensanche, Fundacións.
• Ás 20:00 h, no Centro Sociocultural das Fontiñas, Grupos Amadores artes escénicas e musicais.

22 de outubro:
• Ás 20:00 h, CSC do Ensanche, Bibliotecas
• Ás 20:00 h, na Sala Circular do Auditorio de Galicia, Artistas e Creadores.
• Ás 20:00 h, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, Museos.

Consello Compostela Cultura
O Consello de Compostela Cultura xorde coma un organismo consultivo que actuará como dinamizador, coordinador e impulsor da política cultural do Concello. Na súa composición reflectirase a pluralidade de axentes que interveñen na política cultural municipal. A súa implicación neste órgano de participación debe permitir a confluencia da cidadanía e do Concello na definición de estratexias culturais da cidade.

Serán funcións do Consello, entre outras, propoñer o ámbito de intervención prioritario das políticas culturais, formular propostas e planos de actuación municipal, propoñer mecanismos de coordinación entre os axentes culturais, emitir informes, participar na avaliación das actuacións municipais e fomentar a vida asociativa no ámbito cultural.

Este órgano estará composto, ademais de polos representantes municipais, do Consello Municipal de Centros Socioculturais e do Auditorio de Galicia, por representantes da Consellería de Cultura e Deporte, da Universidade, do Consello da Cultura Galega, das fundacións culturais , das industrias culturais, dos grupos de artes escénicas e musicais amadores, do asociacionismo e dos artistas e creadores. Este Consello renovarase cada catro anos.

O Consello de Compostela Cultura reunirase ordinariamente unha vez por cuatrimestre e, con carácter extraordinario, por convocatoria do seu presidente ou cando así o solicitaran un terzo dos seus membros. Poderá formar comisións no seu seo, que facilitarán a súa funcionalidade.

Compartir: