MEDIO AMBIENTE

Case un cento de inscritos no Foro sobre as Vías Verdes

21/10/2008 A Concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel organiza o mércores 22 o Foro de Iniciativas e Experiencias en Vías Verdes, que se celebrará durante toda a xornada no Auditorio de Galicia. Finalmente son case un cento os inscritos cun perfil moi variado: alumnado universitario, membros de diferentes administracións locais, persoal da administración galega, empresariado, enxeñeiros,... que chegarán desde diferentes puntos de Galicia e mesmo de fóra.

O Foro, que está organizado pola propia Concellaría e o programa Vías Verdes da Fundación dos Ferrocarrís Españois, conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, a Concellaría de Promoción Económica e Turismo e os outros concellos promotores da Corredoira Verde a Compostela: Ordes e Oroso. Celébrase co obxectivo de compartir experiencias e coñecementos sobre Vías Verdes, coa finalidade de favorecer a implicación pública e privada no desenvolvemento destes itinerarios en Galicia e, nomeadamente, na Corredoira Verde a Compostela.

O Foro desenvolverase no Auditorio de Galicia ao longo do 22 de outubro, dende as 9:30 ata as 19:30 horas. Iniciarase coa inauguración a cargo da concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, o subdirector xeral de Organización do Turismo, Xabier Valiño, e Carmen Aycart, directora do programa Vías Verdes da Fundación de Ferrocarrís Españois. Pecharase cunha visita técnica polos parques urbanos de Compostela.

Colaboración institucional, mantemento e emprego
Durante o día, o traballo desenvolverase en tres sesións que versarán sobre a colaboración institucional para o desenvolvemento das Vías Verdes; o deseño, xestión e mantemento das Vías Verdes; e a creación de emprego, desenvolvemento local e dinamización nestes itinerarios.

As Vías Verdes son antigos trazados ferroviarios reconvertidos en itinerarios non motorizados para desprazamentos a pé ou en bicicleta e para a práctica dun lecer activo e saudable. Actualmente, cando se cumpren 25 anos da creación das Vías Verdes, existen en España máis de 1.700 metros operativos destes itinerarios, agrupados en 70 rutas con diferente grao de desenvolvemento e distintos retos por diante. Neste contexto, a Federación de Ferrocarrís Españois entende obrigado implementar fórmulas de intercambio, colaboración e promoción e, dado o interese de Compostela por promover unha Vía Verde no tramo férreo actualmente en desuso, de común acordo coa Concellaría de Medio Ambiente, organízase este foro.

Documentos relacionados



Compartir: