ALCALDÍA

Bugallo defende en Cusco que o patrimonio é "un capital de futuro" no curso VIII Coloquio da OCPM

23/09/2005 A intervención do alcalde compostelán, no marco do VIII Coloquio da Organización de Cidades Patrimonio Mundial, foi compartida polos asistentes, que consideran imprescindible a implicación dos Estados na preservación do patrimonio histórico.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, espuxo o xoves 22 en Cusco as políticas que guiaron a rehabilitación e preservación do Casco histórico da capital galega e que a convertiron en acredora de importantes recoñecementos internacionais nun referente mundial.

Sánchez Bugallo abría así a segunda xornada do VIII Coloquio da Organización de Cidades Patrimonio Mundial (OCPM), invitado expresamente por este organismo. "Unha cidade Patrimonio da Humanidade é unha cidade de todos e de todas. Polo tanto é necesaria a implicación dos Estados na súa protección, que además de leis, deben corresponsabilizarse financeiramente na preservación do Patrimonio. Ademais é moi importante a presencia dos concellos, coñecedores dos problemas e capaces de unificar criterios. Pero non menos importante é a implicación da cidadanía, á que debemos ser capaces de convencer de que o patrimonio é un capital de futuro e non unha carga", sinalou.

A creación do Consorcio da Cidade de Santiago e a implicación dos gobernos central, autonómico e local na recuperación do legado histórico de Compostela foi exposto como exemplo de cooperación.

Na súa conferencia, o alcalde compostelán, logo de facer unha breve reseña histórica sobre a cidade, abordou a necesidade de implicar aos propios cidadadáns na conservación e posta en valor do seu legado histórico-artístico como forma de contribuir a preservar tamén a identidade e cultura propias, o chamado "patrimonio intanxible".

Para Sánchez Bugallo "a maior ameaza para a conservación das cidades históricas é a falta de adecuación entre as estruturas urbanas e as necesidades da cidadanía", que se traducen nunha "degradación urbana debida ó envellecemento da poboación e á gradual terciarización do sector, con usos fundamentalmente turísticos e administrativos que fan fuxir á poboación orixinaria".

Segundo o rexedor compostelán "só serán efectivas as actuacións integrais capaces de conciliar o urbanismo, a historia e a conservación, entendendo a cidade histórica como parte integrante da cidade global". No caso de Santiago de Compostela, apuntou, "o que se quixo conservar, reforzar e protexer coa política urbana foi o valor cultural que representa a cidade, devolvendo ó seu recinto histórico cualidade e calidade urbana en todas as súas funcións".

Todas as políticas de actuación aplicadas no casco histórico compostelán e guiadas polo Plan Xeral de Ordenación Urbana, e moi especialmente, polo Plan especial do Casco Histórico, así como as liñas de axuda abertas a través da Oficina de Rehabilitación, fixeron que esta zona experimentara "en 12 anos un crecemento de máis de 3.000 habitantes, conseguiu que hoxe o 90% das vivendas da zona monumental estean habitadas, e convertiuse nun importante atractivo para a iniciativa privada (renovación dos locais, implantación de comercio especializado, etc), conseguindo un casco histórico vivo, habitado e que incrementou o seu valor económico".

Sánchez Bugallo recoñeceu que esta posta en valor conleva outros problemas. O primeiro deles é o encarecemento da zona "para o que estamos traballando na implementación de políticas de aluguer, especialmente dirixidas ós máis novos, que permitan manter a diversidade social". O segundo problema está a ser o espectacular aumento do turismo, que segundo dixo "é a consecuencia do noso propio éxito". Sánchez Bugallo clarexou que se ben unha parte dos problemas derivados do turismo como a limpeza, reparación e mantemento de vías ou seguridade, se solucionan con diñeiro, hai outras que se están a converter nun verdadeiro problema como a "proliferación de establecementos de comida rápida fronte aos da nosa tradición gastronómica, ou os de venda de recordos baratos que están a desprazar á nosa artesanía tradicional e de calidade, sobre todo a de prata e acibeche".

Tras a ponencia, Sánchez Bugallo e a concelleira delegada de Casco Histórico e Rehabilitación, Mercedes Rosón, desprazáronse ata o municipio de Santiago de Cusco, onde foron recibidos polo alcalde desta localidade, Erasmo Velarde, e o Pleno da Corporación municipal, que celebrou un pleno extraordinario con motivo desta visita.

Compartir: