ALCALDÍA

En quince días o Concello terá unha proposta de convenio do Ministerio de Fomento para a nova estación de ferrocarril

21/10/2008 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, saíu "razoablemente satisfeito" da xuntanza celebrada en Madrid para avanzar no convenio para a construción da nova Estación Intermodal de Ferrocarril á que deberá chegar o AVE. Na sede da Dirección Xeral de Ferrocarrís, á Comisión Técnica de Seguimento para a integración do ferrocarril en Santiago, ademais do alcalde asistiron a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e técnicos do seu departamento. Por parte do Ministerio de Fomento, estiveron presentes, ademais dos técnicos do Ministerio, o Director Xeral de Ferrocarrís, Luís de Santiago Pérez, o Subdirector Xeral e un representante de ADIF.

Na xuntanza, que se prolongou preto de dúas horas, procedeuse a revisar algunhas cláusulas do texto do convenio que dará paso á execución da devandita infraestrutura. O alcalde considerou que "as revisións pendentes non van ofrecer ningunha dificultade e non varían substancialmente o proxecto defendido polo Concello". Agora a Comisión de seguimento deberá someter o texto ás direccións de RENFE e ADIF e "no prazo aproximado de quince días teremos unha proposta de convenio do Ministerio Fomento", engadiu Sánchez Bugallo.

O alcalde aclarou que o Ministerio de Fomento "limítase a financiar as infraestruturas ferroviarias, polo que será por mediación de ADIF que deberá autofinanciarse a execución da obra da Estación, como sucede no resto do Estado", de aí os diferentes puntos de vista entre ADIF e Concello, que pouco a pouco van encontrando a necesaria confluencia.

Compartir: