FESTAS

O Ciclo Importa traerá a Santiago a grupos de pop-rock de renome internacional

21/10/2008 Un concerto de dEUS o 23 de outubro e outro de Gogol Bordello o 11 de decembro son os primeiros confirmados no marco do Ciclo Importa. Esta iniciativa traerá a Compostela a grupos de renome internacional nos meses de outono-inverno. Os concertos celebraranse na Sala Capitol.

O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou este ciclo de cinco a seis concertos, organizados conxuntamente por este departamento e pola promotora Sweet Nocturna. Ambos únense para traer a Galicia a grupos que foron cabeza de cartel dos principais festivais europeos de verán, pero que en inverno optan por un formato de sala máis accesible e próximo ao público.

Segundo indicou Baqueiro, a actuación destes dous grupos "é só a presentación dun ciclo que se desenvolverá ao longo de 2009". A colaboración do Concello permitirá, por exemplo, que as entradas sexan máis baratas que as actuacións destes mesmos grupos noutras salas españolas. No caso de dEUS as preto de 800 entradas que se sacarán á venda terán un prezo de 18 euros.

Santiago aparece como o lugar idóneo para reunir a xente de toda Galicia, que poderá acudir a chamada destes grupos internacionais que son capaces de mover a xente de todo os puntos para acudir aos seus directos. Ata o momento, estas datas de formato sala centrábanse en cidades coma Madrid ou Barcelona. Pero o Ciclo Importa pretende incluír a Santiago neste circuíto de salas que contan cos grupos internacionais da música nova alternativa.

Abrirá o Ciclo o grupo belga dEUS. Tras a súa actuación deste verán en Paredes de Coura, onde o seu concerto foi elixido entre os mellores do festival por crítica e público, dEUS chegan por primeira vez a Galicia coa súa propia xira e nunha sala onde se poderá gozar do seu aclamado directo moi preto. Cunha carreira sólida chea de grandes momentos, o concerto de Santiago será un repaso do seu novo disco, Vantage point, sen esquecerse dos clásicos da banda.

Xa o 11 de decembro, chegará á Sala Capito Gogol Bórdello, un grupo do Lower East Side of New York City formado en 1999. Unha das súas marcas máis características son os seus frenéticos directos, e outro o seu son inspirado na música balcánica. A maior parte dos seus membros son inmigrantes de Europa do Leste, e o grupo utiliza sons de acordeón e violín, e nalgúns dos seus discos, saxofón e música de cabaret, punk e dub . Estes directos foron cualificados entre os mellores de 2007 por revistas tan prestixiosas como Rolling Stone.

Compartir: