TURISMO

O Mercado Internacional de Curtametraxes ofrece un catálogo de 2.648 filmes de 93 países

20/10/2008 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a III edición do Mercado Internacional de Curtametraxes, que se desenvolve dentro das actividades do Festival de Curtametraxes de Santiago de Compostela. Celebrarase do 20 ao 24 de outubro no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e na Fundación Caixa Galicia.

O Mercado Internacional de Curtametraxes é un espazo onde profesionais do sector da distribución audiovisual poden acceder ao catálogo de Curtocircuíto, que este ano 2008 está composto por 2.648 curtametraxes de 93 países, e merar os dereitos de emisión das curtas que les interesen. Esta edición hai inscritos 129 profesionais procedentes de 15 países, un dato que amosa a importancia do Festival para produtores e directores, xa que poden poñer directamente as curtas a disposición dos compradores.

O Mercado ten diversas actividades, segundo explicou o director de Curtocircuíto, Tim Reford. Así, haberá ata catro presentacións de curtas, outra específica para as curtas galegas e unha mesa redonda na que se debaterá sobre o modelo de distribución de curtas.

Semana Oficial
Curtocircuíto continúa co seu programa de proxeccións, que están rexistrando unha importante afluencia, con máis de 100 persoas por sesión. O luns 20 seguen no Teatro Principal as proxeccións gratuítas do Concurso Oficial. De 18:30 a 24:00 horas proxectaranse curtas de países como Reino Unido, Alemaña, Israel, Finlandia, Canda ou Filipinas. O público asistente poderá votar para o Premio do Público, que se entregará na Gala de Clausura o 24 de outubro.

Dentro das actividades paralelas á Semana Oficial, segue a desenvolverse o programa de "As grandes curtas", que achega o mundo das curtametraxes ás persoas maiores. Ademais, tamén o luns 20, terá lugar o Programa de curtametraxes para nenos, na Facultade de Filosofía, e o Programa dos nominados ao Premio do Cine Europeo, no mesmo lugar. Ademais, ás doce da noite, haberá unha sesión de DJ Alexander no Ultramarinos. O martes 21 celebrarase o Obradoiro de Esterescopía, impartido por Enrique Criado. Será ás 13:00 horas no Teatro Principal.

Compartir: