URBANISMO

O Premio Rotthier recoñece o modelo de cidade polo que aposta o Concello de Santiago

18/10/2008 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, recolleu en Bruxelas o Premio Europeo Philippe Rotthier 2008, outorgado ao polígono das Fontiñas en recoñecemento á Mellor Calidade de Ampliación da Cidade nos últimos 25 anos.

A cerimonia de entrega tivo lugar na sede da Fundación para a Arquitectura –entidade que concede o galardón-, na Rue del Ermitage 55 de Bruxelas, onde se expón a candidatura de Compostela xunto ás dos premiados noutras categorías. A mostra permanecerá aberta ata decembro, e o seu contido recollerase nun catálogo.

O Premio Europeo Philippe Rotthier súmase aos múltiples galardóns obtidos por Santiago e, segundo afirmou a concelleira de Urbanismo, "supón un recoñecemento ao labor desenvolvido na xestión urbana, que xa non se limita so ao traballo feito na cidade histórica, senón que recoñece o modelo de cidade polo que ten apostado o goberno municipal a través de actuacións urbanísticas de transcendencia social como é o caso do polígono das Fontiñas".

Mercedes Rosón lembrou que o 90% das vivendas deste barrio son sociais e gozan dalgún tipo de réxime de protección. Este modelo ofrece aos cidadáns a posibilidade de acceder a unha vivenda dentro nun barrio con todos os servizos. No caso das Fontiñas, os seus 14 mil habitantes contan no barrio con equipamentos deportivos, educativos, ludoteca, centro de saúde, centro sociocultural e zonas verdes, ademais dunha gran área comercial. Mesmo recentemente se puxo en marcha na reurbanizada rúa Berlín, o primeiro carril bici da cidade.

A outra escala, este é o modelo que se propón nos polígonos de vivendas que se que se están a construír e tamén nos que se teñen inaugurado con posterioridade a Fontiñas. Deste xeito, segundo Rosón, "o resultado é unha cidade compacta, que crece ordenadamente e con estándares construtivos e arquitectónicos de calidade, buscando tamén protexer o casco histórico como o gran centro da cidade".

Compartir: