INFRAESTRUTURAS

Comenza a segunda fase de reurbanización da rúa da Muíña

22/09/2005 O Concello aprobará na Xunta de Goberno Municipal do luns 26 de setembro a segunda fase de reurbanización da rúa da Muíña na zona de San Lázaro. As obras terán un custo de máis de 347.000 mil euros.

Con esta actuación preténdese completar a remodelación da rúa xa que a primeira fase de execución rematou en xullo e tivo un custo de 162.000 euros. O total aproximado da actuación será de 500.000 euros.

O concelleiro de Infraestruturas e Equipamentos, Bernardino Rama, recoñeceu a dificultade das obras de reurbanización da rúa da Muíña, debido a que as casas teñen diferente rasante e porque foron necesarias algunhas expropiacións para poder construír as beirarrúas.

As obras de remodelación realizaranse cos mesmos materiais que se están empregando nas rúas do Ensanche da cidade e permitirán a canalización do alumeado público e da rede telefónica. Neste senso, o concelleiro de Infraestruturas anunciou o acordo ao que se chegou con Unión Fenosa para que esta canalice as súas liñas. Unha vez rematadas as obras instalaranse catorce luminarias e unha marquesiña de autobús, ademais de novos bancos, papeleiras e árbores.

Benardino Rama explicou que con esta actuación preténdese dar resposta ás continuas reivindicacións que os veciños fixeron respecto a este tema.

O concelleiro manifestou que "aínda que depende da empresa executora, prevese que as obras poderían estar rematadas en xaneiro de 2006".

Compartir: