URBANISMO

O Concello de Santiago recolle en Bruxelas o Premio Rotthier

17/10/2008 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, recollerá o sábado18 en Bruxelas o Premio Europeo Philippe Rotthier 2008, concedido o pasado agosto a Santiago en recoñecemento á Mellor Calidade de Ampliación da Cidade nos últimos 25 anos.

O galardón valora concretamente a calidade do crecemento do polígono das Fontiñas. Este barrio foi elixido con outros 87 barrios urbanos europeos para a final. Todos eles estarán expostos na Fundación para Arquitectura entre outubro e decembro de 2008, e serán recollidos nun catálogo de 300 páxinas.

O Premio Europeo Philippe Rotthier para a Reconstrución da cidade está organizado pola Fundación para a Arquitectura, con sede en Bruxelas, xunto con Unha Visión de Europa e a Universidade de Ferrara. O premio Rotthier súmase aos múltiples galardóns obtidos por Santiago, unha das cidades máis laureadas de España e de Europa.

Barrio con calidade de vida
Fontiñas é un dos maiores barrios da cidade, con case catro mil vivendas – o 90% protexidas-, e cun inxente número de residentes que está arredor dos 14.000 e que vai en aumento. Grazas á construción deste polígono, nos primeiros anos da década dos noventa, unha das zonas esquecidas da cidade pasou a converterse nunha nova zona residencial que hoxe conta con todos os servizos para os seus habitantes: gardería municipal, colexio, ludoteca, instituto, centro de saúde, centro sociocultural, ademais dunha gran área comercial. Mesmo recentemente se puxo en marcha na reurbanizada rúa Berlín, o primeiro carril bici da cidade.

O futuro do barrio pasa agora por estender esta reurbanización a outras rúas do polígono, diminuíndo o espazo rodado en favor da superficie peonil e ciclista, e construír ademais un polideportivo cuberto, que contará cun rocódromo.

Outro dos grandes proxectos para o barrio é a urbanización do polígono 4, que contempla a conservación do antigo núcleo de Cotaredo, con vivendas e hortas; ademais da construción dun macroaparcamento subterráneo, que contará con máis de trescentas prazas.

Dentro do proxecto tamén figura a construción dun lago artificial -aproveitando o humidal que hai na zona- que converterá a Fontiñas nun dos espazos máis innovadores e atractivos da zona norte de Santiago. Esta área recreativa, con máis de sete mil metros cadrados, contará con mobiliario, zonas arboradas, instalacións para xogos infantís e fontes.

Compartir: