CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia retoma o seu ciclo de música de cámara

17/10/2008 A Real Filharmonía de Galicia e a USC poñen en marcha unha nova edición de Música na Compañía, unha serie de concertos de cámara celebrados na igrexa da Universidade. En total serán 18 concertos protagonizados por diversas formacións de cámara da Real Filharmonía de Galicia.

Organizado pola Vicerreitoría de Cultura en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia, orquestra xestionada polo Consorcio de Santiago, o ciclo pretende unir os conceptos de música e patrimonio e achegar a música de cámara ata o corazón mesmo da cidade histórica de Compostela. Así, á calidade artística dos diferentes compoñentes da orquestra santiaguesa, únese o carácter monumental da igrexa da Compañía, verdadeira xoia do barroco.

Este proxecto artístico, impulsado dende a Real Filharmonía, repite o esquema e o espírito do 2007 e permite ao público compostelán e aos visitantes gozar da música da orquestra a través dos seus solistas, que para a ocasión conforman grupos de cámara e interpretan un variado repertorio musical. A capacidade e a singularidade artística e técnica de todos os músicos da Filharmonía teñen nestas formacións de cámara a expresión distinguida e versátil do seu camiño cara a unha maior presenza en Compostela.

Concerto inaugural
Como inicio deste ciclo musical, tres principais de corda da Real Filharmonía (Grigori Nedobora, principal de segundos violines; Tilmann Kircher, viola principal e Plamen Velev, violoncello principal) únense formando un trío de corda que porá música a unha peza de Schubert e outra de Mozart, ambas composicións moi adaptadas para o espazo da igrexa da Compañía, útil para este tipo de concertos. A cita será o martes 21 de outubro, ás 20:30 horas. A entrada é gratuíta, ata completar aforo.

A este concerto seguiranlle outros dezasete, ata o mes de xuño de 2009. O repertorio, moi variado, inclúe pezas de diferentes épocas e compositores, dende Bach, Mozart e Beethoven, ata Schubert, Haydn, Mendelssohn e outros máis contemporáneos (Schickle, Piazzola, Takemitsu, Brotons, Pärt, Gubaidulina).

Igrexa da Universidade
A igrexa da Universidade, ou da Compañía, foi construída como sé principal da Compañía de Xesús, no século XVII. Cando a orde foi expulsada de España, a finais do século XVIII, as imaxes da fachada, que representaban a San Ignacio de Loyola e a San Francisco Xavier, foron "decapitadas", e as súas cabezas substituídas polas de San Pedro e San Paulo. Dende 1995, ano da celebración do Quinto Centenario da Universidade, está dedicada a sala de exposicións e concertos. No seu interior destaca o retablo maior, barroco, proxectado por Simón Rodríguez, o mesmo arquitecto que deseñou a fachada de Santa Clara e a Igrexa de San Francisco.

Compartir: