AUDITORIO

Marcos Teira abre o Ciclo de Concertos Didácticos da temporada 2008-2009

17/10/2008 O Auditorio de Galicia ofrecerá o luns 20 e o martes 21 de outubro, ás 11:00 horas, dous concertos de Marcos Teira, guitarra flamenca, dentro do ciclo Concertos Didácticos.

O Auditorio de Galicia ven programando este ciclo ano tras ano, en colaboración cos centros educativos para que os escolares de secundaria e bacharelato poidan asistir nunha sala emblemática de concertos a actuacións de música clásica, folclórica, jazz, ópera ou danza. Ás sesións deste espectáculo asistirán mil rapaces cada día, de centros escolares de Santiago de Compostela, Brión, Teo, Val do Dubra, A Baña, Carballiño, Castro de Rei, Cambados, Zas, Caldas de Reis, Pobra de Caramiñal, Muros, A Serra de Outes, A Estrada, Marín, Noia, Valga, Rábade, Melide, As Pontes, Fisterra e Porto do Son.

Marcos Teira (Pobra do Caramiñal, 1967). Músico e compositor, compaxina ambas facetas profesionais para desenvolver o seu traballo en solitario e colaboracións en concertos e traballos discográficos con diversos artistas e formacións como Uxía, Rodrigo Romaní ou Xosé M. Budiño, entre outros. Na actualidade compaxina a súa actividade como músico de grupos como Narf ou Marful.

Presentou o seu primeiro disco en solitario, Punta de Cabío, en 2003 e acaba de presentar o seu último disco, Alí, no que a guitarra flamenca é a base sobre a que constrúe a súa música con distintas influencias.

Emprega o flamenco como linguaxe para mostrar a súa personalidade como compositor. Nos concertos do 20 e 21, estará acompañado de L.A.R. Legido, percusionista e baterista, presenta un programa con música composta por el e outra de tipo tradicional abordando: soleás, tangos, alegrías, bulerías, rumbas… co obxectivo de achegar a música flamenca dun xeito lúdico e asequible aos escolares.

Compartir: